A Policía mata en Brasil ao fillo duns emigrantes de Ponte Caldelas

Os axentes explican que o tomaron por un suposto asaltante que merodeaba a zona

Marcio Pérez. INSTAGRAM
photo_camera Marcio Pérez. INSTAGRAM

Marcio Pérez Santana, fillo duns emigrantes de Ponte Caldelas, foi abatido a tiros na noite do pasado mércores por axentes da Policía Militar brasileira na cidade de Salvador, durante unha persecución.

O home, de 41 anos, que tiña unha empresa consultora, atopábase coa súa parella no seu coche, a piques de entrar no garaxe da súa vivenda. Dispúñanse a apearse do vehículo cando foron sorprendidos por un coche da Policía desde o que os axentes chegaron a abrir fogo sen sequera acender as sirenas ou dar algún outro tipo de aviso, segundo narrou a sobrevivente a medios locais.

O medio Bocao News informa de que a Policía enviou un comunicado no que daba explicacións sobre o sucedido e apuntaba a que a patrulla os confundiu cun presunto grupo de ladróns. Segundo a versión policial, recibiron un aviso no que se facía referencia a uns disparos de arma de fogo e un coche sospeitoso no barrio de Costa Azul.

A nai do mozo atópase nestes momentos rumbo a Brasil para recoller os restos mortais de nbsp;Marcio.&

O Concello de Ponte Caldelas, pola súa banda, anunciou que suspende o ciclo de Musicoterapia, programado para este venres, ao coñecer a tráxica noticia que conmocionou á localidade, onde residen os pais da vítima, concretamente na parroquia de Anceu.

O Goberno local expresa ademais as súas condolencias á familia e amigos do mozo, que adoitaba visitar a terra das súas raíces nas súas vacacións.