Villares chama á unidade e Beiras afea a Podemos non ser "suficientemente leal"

O III Planario de En Marea celebrouse este sábado facéndose notables algunhas ausencias

Luís Villares, no III Plenario de En Marea. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Luís Villares, no III Plenario de En Marea. PEPE FERRÍN (AGN)

O portavoz de En Marea, Luís Villares, utilizou o III Plenario da formación para facer un chamamento " unidade" do partido para preparar as eleccións do próximo 2019, ao entender que as inscritas "xuntas" son "imparables".

O líder de En Marea incidiu en fortalecer os espazos comúns de face aos comicios locais do próximo ano, facendo prevalecer os puntos en común e deixando atrás as diferenzas.

"Se temos ideas en común cultivémoslas, se temos diferenzas, fóra do horario de oficina", proclamou Villares no discurso de peche dun plenario no que se deu luz verde á aprobación dun documento que contempla que a formación fará de "paraugas" das mareas municipais co obxectivo de "visbilizar" as candidaturas e "optimizar" os resultados.

A formación ofrecerá "apoio loxístico" para as plataformas cidadás e establece a creación dunha fórmula xurídica a modo de paraugas "instrumental" para aumentar a presenza das candidaturas de unidade popular nas deputacións.

O documento foi aprobado con 197 votos a favor e 6 abstencións, a pesar de que En Marea conta con 2.377 persoas inscritas.

Ao plenario non acudiron os alcaldes das mareas

No entanto foi significativo que as decisións relativas ao municipalismo tomáronse en ausencia dos alcaldes das mareas da Coruña (Xulio Ferreiro), Santiago (Martiño Noriega) e Ferrol (Jorge Suárez), que foron os impulsores do proxecto de unidade popular no ano 2016.

A iso tamén se referiu Villares que sinalou que a intención da formación segue sendo "sumar" para "remar" todos xuntos aínda que "quen non queira vir que non veña, pero aquí está a porta aberta", remarcou.

Para consolidar as mareas locais, Villares insistiu en abandonar o problema de siglas que admitiu, si existe, pero debe erradicarse.

"¿Como que nós e vós?, ¿non estamos aquí polo mesmo? Ten que haber unha integración", sostivo.

Deste xeito, recordou que o que suma non son as siglas, senón "o traballo, as ideas e a vontade" porque aínda que "non renegamos de partidos, nin de correntes, pero suma desde a lealdade".

Beiras carga contra Podemos por non ser "suficientemente leal"

Na xornada deste sábado tamén foi de especial relevancia a intervención de Xosé Manuel Beiras, que cargou contra Podemos ao entender que non está a ser "suficientemente leal" na relación con En Marea.

Durante o debate do texto referente á relación do partido instrumental co grupo confederal, Xosé Manuel Beiras pediu maior lealdade a todos os cargos electos co partido instrumental e polo que foron elixidos nas urnas.

Recordou que En Marea é un partido de adscrición individual e non unha "coalición de partidos, partidiños ou tribos".

Neste sentido, o plenario aprobou reforzar o control sobre o grupo no Congreso, que a partir de agora "non poderá decidir pola súa conta nin limitarse a informar á dirección política de En Marea", senón que terán que proceder á consulta previa á dirección.

O próximo 28 de abril celebrarase o terceiro encontro municipalista das Mareas de toda Galicia no que continuarán traballando por unha concorrencia ás municipais sen tutelas nin interferencias de En Marea.

Dentro dos propios representantes electos de En Marea tamén foron numerosas as ausencias xa que só cinco dos catorce deputados do Parlamento asistiron ao plenario que é o máximo órgano de decisión da confluencia.

Comentarios