O sindicato maioritario entre os funcionarios da Administración de Xustiza de Galicia, SPJ-USO, e o terceiro en representatividade, FeSP UGT, comunicaron á Xunta que se adhiren á súa oferta.
A través dun comunicado, o sindicato SPJ-USO explica que adopta a súa decisión "dada a imposibilidade de poder consultar aos traballadores" e "a imposibilidade real de poder modificar nin unha soa coma a proposta da Xunta, cun comité de folga totalmente roto".
Pretende, ademais, evitar que quede "en mans da Xunta de Galicia a posibilidade de inaplicación, suspensión ou retirada das condicións conseguidas no referido principio de acordo".
"Chegados a este momento e despois de que o conxunto de traballadores nos esixen que tomemos decisións é polo que entendemos que debemos dar o paso de adherirnos ao presente acordo nun exercicio de responsabilidade e sobre todo de representatividade, que nos corresponde por ser o sindicato maioritario na Administración de Xustiza de Galicia", conclúe.
Anuncia, ademais, que realizará a próxima semana asembleas informativas no sete grandes cidades galegas para explicar esta decisión.
O ata hoxe presidente do comité de folga, Julio Bouza, explicou a Efe que a decisión se adopta "por unanimidade de todo o colectivo de SPJ-USO en Galicia".
"O fácil é criticar e menosprezar, o difícil é tomar decisións. Ás veces, a xente coherente e a xente con sentido común ten que tomar decisións. SPJ-USO tomou unha decisión valente. Non é unha hipoteca para sempre nin unha soga ao pescozo, é un acordo momentáneo que dura tres anos", continuou.
Minutos máis tarde, fontes de FeSP UGT confirmaron a Efe a súa adhesión á formulación do Goberno galego, que se produce dous días despois de abandonar o comité de folga debido a que entende que houbo incorporación masiva de traballadores tras unha oferta que cumprías as reivindicacións da folga.
A oferta exposta pola Xunta e rexeitada en votacións o 27 de abril tiña acordo nos puntos vinculados ás baixas por enfermidade, substitucións, reforzos e amortizacións de prazas.
O desacordo centrouse na subida salarial, con doce euros de diferenza entre as partes, e a cláusula de revisión, en que a Xunta ofrece garantir salarios por encima da media mentres os sindicatos piden manter sempre a posición á que os envía a presente oferta.