Martínez explicará esta tarde de que falou con Candia nunha gasolineira

O alcalde de Becerreá asegura que este venres explicará "sen problemas" de que falou coa expresidenta popular da institución, con quen foi fotografado nunha área de servizo da A-6 ► Darío Campos referiuse a estas imaxes como as "probas" dunha "negociación escura" entre o deputado socialista e o PP ► O goberno provincial encarga á asesoría xurídica un informe do caso para ver se o remite á comisión antitransfuguismo

O socialista Manuel Martínez asegurou que este venres explicará "sen problemas" de que falou con Elena Candia no encontro que mantiveron na estación de servizo do Corgo, unha cita que transcendeu este xoves ao ver a luz varias fotografías de ambos os reunidos. Estas instantáneas poderían ser as "probas" ás que pola mañá se referiu o presidente da Deputación de Lugo, o tamén socialista Darío Campos, para acusar o alcalde de Becerreá de "tránsfuga". 

E é que nesas imaxes vese ao deputado socialista reunido coa expresidenta da institución provincial, a popular Elena Candia. A primeira das fotografías que acompañan a esta información tomaríase en datas previas ao pleno de organización da Deputación, celebrado este pasado mércores e no que Martínez apoiou unha moción do PP para recortar as dedicacións e os recursos do BNG. 

A segunda instantánea sería captada antes da moción de censura do 8 de outubro que devolveu a presidencia da Deputación ao bipartito. 

Darío Campos tachara de "tránsfuga" ao seu compañeiro de filas este xoves pola mañá no Parlamento de Galicia, onde acudiu para presentar os orzamentos da Deputación lucense de cara ao próximo ano. O alcalde da Pontenova defendeuse das críticas do PP á inestabilidade do seu goberno aseverando ter "probas" dunha "negociación escura" dos populares co rexedor de Becerreá.

Campos cargou contra os populares pola súa votación xunto con Martínez no pleno provincial do mércores para recortar os asesores e dedicacións do BNG. "A min daríame vergoña", declarou, dirixíndose ao grupo dos populares, tras recordar que este extremo foi pactado "hai tres meses", durante a etapa de goberno de Elena Candia.

ROLDA DE PRENSA DE MARTÍNEZ. Xa pola tarde, e unha vez foron publicadas as fotografías, Martínez asegurou que na rolda de prensa que convocou para este venres dará explicacións sobre a reunión que mantivo coa portavoz do PP na Deputación de Lugo.

Martínez non quixo avanzar nada sobre o contido desa rolda de prensa, na que tamén ofrecerá a súa versión sobre o sucedido nos últimos meses ao redor de institución provincial, concretamente desde que ao votar en por si propiciou que o goberno caese en mans da popular Elena Candia.

Sobre a reunión con ela, o alcalde de Becerreá dixo que está disposto a explicar "como se produciu", "como foi" e incluso o que ambos falaron na mesma. "Non hai problema ningún", asegurou.

A rolda de prensa de Martínez foi convocada para este venres ás cinco da tarde na sede provincial do PSdeG en Lugo.

COMISIÓN ANTITRANSFUGUISMO. Mentres tanto, a Deputación de Lugo encargou ao seu equipo xurídico a análise do caso para ver se o remite á Comisión de Seguimento do Pacto Antitranfuguismo. 

Así o confirmaron fontes da institución provincial, gobernada por unha coalición entre PSOE e BNG. 

Comentarios