Adega denuncia graves danos ambientais no río Xallas

A asociación ecoloxista advirte das consecuencias da construción de centrais hidroeléctricas na zona

A asociación ecoloxista Adega denunciou ante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia os graves danos ambientais rexistrados na construción de centrais hidroeléctricas no río Xallas. Nun comunicado divulgado este mércores, Adega asegura que as obras nas centrais hidroeléctricas de Fervenza II, Ponte Olveira II e Novo Castrelo, promovidas pola firma Ferroatlántica no río Xallas ao seu paso polos municipios de Dumbría e Mazaricos, "están a afectar negativamente a especies protexidas vulnerables e en perigo de extinción", así como a "hábitats de interese europeo".

A citada asociación ecoloxista sinala que un informe elaborado por once investigadores das tres universidades galegas avala a denuncia presentada ante a xustiza. Subliña que "miles de metros cadrados de carballo e bosque" de "hábitats de interese europeo e prioritario" nunha zona de máis de dous quilómetros da canle do río Xallas "foron destruídos", incluído parte da Devesa de Anllares.

Engade que "especies de flora ameazada asociadas a estes hábitats foron tamén eliminadas", entre elas a folgueira acuática Isoetes fluitans, que está "considerado en perigo de extinción".

Adega indica que os trámites relativos a esas obras comezaron no ano 2000 cun proxecto de Ferroatlántica para tres proxectos de xeración de enerxía hidroeléctrica no río Xallas, que se sumaron a outros catro existentes nunha zona fluvial duns 15 quilómetros.

A asociación considera "sorprendente" que a pesar dunha tramitación administrativa de máis de catorce anos, a Xunta non só "non revisou a avaliación do impacto sobre os ecosistemas afectados á luz da lexislación e da información científica máis actualizada", senón que "ignorou as peticións de caducidade" dos proxectos formuladas por parte de grupos ecoloxistas.

Máis en Medio Ambiente
Comentarios