Boa comida e unha notable coctelería

Parrillada de Hombreiro
María Jesús Barro, cociñeira da Parrillada de Hombreiro

A Parrillada de Hombreiro é unha caixa de sorpresas. Este establecemento, situado nunha bonita paisaxe a beiras do río Miño no núcleo lucense de Ombreiro, non só destaca pola súa boa comida, servida nun comedor rústico situado na primeira planta do local ou na marabillosa terraza con vistas á canle fluvial. O establecemento oferta tamén unha coidada coctelería, hamburguesas ou uns contundentes bocadillos para os clientes que non teñan tempo para gozar da boa mesa.

Entre a variedade de revoltos destaca o de grelos, que son da zona. É unha das referencias á hora de elixir entrantes. Outras opcións son as ameixas, as zamburiñas, os chocos ou as luras.

O local, moi frecuentado por pescadores nestas datas, goza dunha recoñecida fama na preparación de especies piscícolas, como as troitas e as anguías, aínda que agora xa non sexan as capturadas no propio río, senón exemplares de crianza artesanal. A arte na preparación destes peixes está no seu punto de fritura, que deixe a pel ben tostada.

Un dos pratos que máis sorprende polo seu nivel é a brocheta de rape que prepara María Jesús Barro, a cociñeira do local, unha profesional de ampla experiencia que antes traballou na xa desaparecida A Coruñesa. ela, co seu irmán Álvaro Barro e a súa cuñada, Eva María Vidal, están á fronte deste negocio, que en novembro cumprirá un cuarto de século de vida. A pescada á cazola e o bacallau á portuguesa son outros dos pratos destacados da carta.

Do mesmo xeito que sucede noutros establecementos especializados en carnes á brasa, o churrasco de porco ou tenreira ou os chuletones de tenreira e de boi son outros puntos fortes desta parrillada.

Outra das agradables sorpresas son as sobremesas. O suave e fresco queixo de Friol, cun impresionante marmelo caseiro, forman unha combinación exquisita. A carta inclúe un sobresaliente flan de ovo ou distintas tortas de elaboración propia, como as de tiramisú, a de queixo ao forno ou fría e a de piña, que teñen moita demanda. Tamén se poden degustar copas de xeado artesanal.

COCTELERÍA

A coctelería é outro dos atractivos que distingue a este negocio, cuxos donos abriron recentemente o Novo Cirok Bar no barrio da Piringalla. Un dos combinados máis solicitados é o gin tonic, moi de moda nos últimos tempos, pero os mojitos ou a caipiriña son outras opcións recomendables. Ademais prepáranse cafés especiais, como o irlándes ou o vienés.

Con esta variedade de propostas é fácil saír satisfeito da Parrillada de Hombreiro, onde a espléndida terraza ou o acolledor comedor, con decoración en madeira e pedra, predisponen para gozar dunha comida que non defrauda.

GUÍA PRÁCTICA

Como chegar

A Parrillada de Hombreiro atópase na parroquia lucense de Ombreiro.

O teléfono do establecemento é (982)200487.

Que máis facer

Son moitos os pescadores fluviais que practican a súa afección favorita no río Miño, que discorre por unha zona contigua a este local.

Visitar o próximo centro de Avifauna é unha proposta divertida para adultos e pequenos.

Comentarios