Faba con calidade protexida

Fista de la faba de Lourenzá (Foto: José Mª Álvez/El Progreso)
photo_camera Fista de la faba de Lourenzá (Foto: José Mª Álvez/El Progreso)

A Consellería de Medio Rural aprobou a protección transitoria que permite a comercialización da Faba de Lourenzá con selo de indicación xeográfica protexida (IXP) dentro do Estado español, tal como recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG) do 27 de agosto de 2008.

Poderían acollerse a ela uns 500 produtores e o seu valor de mercado sería duns 10 euros por quilogramo. A comercialización será só de produto en fresco, nunca transformado. A Faba de Lourenzá pertence á variedade local de faba "galaica" e ten unha elevada capacidade de absorción de auga e un excepcional comportamento en cocción.

O departamento que dirixe Alfredo Suárez Canal aprobou tamén o regulamento da denominación e do seu consello regulador, que terá carácter provisional e estará a cargo da posta en marcha da denominación.

Vixilancia e control
As tarefas do consello serán a defensa da IXP, a vixilancia das normas e o fomento e control de calidade do produto. Gemma Igrexas é a súa presidenta, e conta tamén con tres vogais polo sector produtor e tres polo industrial.

A área de produción abarca a zona costeira da provincia de Lugo (Mariña Lucense), que engloba os concellos de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, A Pontenova, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.

Comentarios