Os hostaleiros lucenses estrean revista

Hoxe presentouse  a revista da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (Apehl), durante un acto ao que asistiron, entre outros invitados, o vicepresidente da Deputación luguesa, o nacionalista Antón Bao, así como o presidente de Apehl, Cheché Real, e o delegado da Consellería de Innovación e Industria, Ramón Cortés. Non faltou tampouco a concelleira de Turismo de Lugo, Concepción Burgo, nin a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín.

A publicación ten unha periodicidade trimestral e vai destinada a achegar información sobre aspectos relacionados coa proxección turística de Lugo a todos os establecementos hostaleiros da provincia.

O primeiro número da revista Hostalería Lucense contou cunha tirada de 7.000 exemplares e foi enviado a todos os locais de hostalería da provincia.

A publicación, de acordo cos seus impulsores, pretende ser unha nova canle  de comunicación cos socios de Apehl e co mundo da hostalería en xeral.

A iniciativa supón, en realidade, a continuidade da guía-anuario que tamén publica Apehl.
Servirá para transmitir información de utilidade aos profesionais, así como as novidades dun sector que se atopa en continua progresión.

Durante o acto, o vicepresidente da Deputación felicitou aos responsables da Apehl pola iniciativa, a cal dixo que serivirá para promocionar e difundir os valores culturais e turísticos das comarcas de Lugo.

Bao resaltou ademais o compromiso da asociación e dos hostaleiros cos valores culturais e coa promoción dos produtos agroalimentarios galegos. Así mesmo, expresou o compromiso da Deputación de Lugo con todas as iniciativas levadas a cabo desde o asociacionismo para a promoción de devanditos valores.

Comentarios