Un menú literario

libroPorco_.jpg
photo_camera libroPorco_.jpg

No panorama da literatura gastronómica galega hai tres novas referencias de interese. Unha delas polo de agora só está dispoñible en inglés e ten como protagonista ao porco, que nestas datas (entre San Martiño e o Nadal) está de actualidade en moitos lugares de Galicia, por ser tempo de mata.

O escritor británico Jhon Barlow, residente dende hai anos na Coruña, acaba de publicar unha interesante obra en tono humorístico sobre Galicia, a partir dunha viaxe iniciática que tiña por misión comer todas e cada unha das partes do porco, animal case sagrado para os galegos.

O percorrido por diferentes puntos do país converteuse no libro “Everything but the squeal” (algo así como “Todo menos o berro”), que está a triunfar en Estados Unidos, recibindo loubanzas mesmo en medios tan prestixiosos como Time Magazine, The Economist ou New York Post.

Para documentarse, o autor visitou durante un ano lugares como Laza (en pleno Antroido); Láncara, na percura das orixes de Fidel Castro; A Fonsagrada e, por suposto, Lalín, a gran capital do Cocido. Mesmo entrevistouse con Manuel Fraga pouco despois de que perdera as eleccións á Xunta. Logo desta experiencia, Jhon Barlow garda unha grata lembranza en especial das paisaxes da Galicia Oriental e de Negueira de Muñiz en particular, e lamenta non ter “comido máis cocido”.

Sobre o papel fundamental que o porco ten na culinaria galega, o escritor británico salienta que “mentres que en Galicia aprovéitase todo deste animal e todo está á vista, en Inglaterra a súa riqueza queda agachada ao embutila en salchichas”. Amósase ademais convencido de que o seu libro vai provocar un positivo “efecto chamada” para que os ingleses en particular e os anglosaxóns en xeral se animen a visitar Galicia con maior asiduidade.

O autor desta obra non desbota a posibilidade de editar unha tradución ao galego ou ao castelán, xa que considera que “pode ter interese tanto para os propios galegos coma no resto de España”.

Lamprea
Poucos lugares hai en Galicia tan acaídos coma o restaurante Chef Rivera de Padrón para presentar un libro sobre a lamprea.

Así o pensou o xornalista Miguel Piñeiro, autor de “Lampreas e pesqueiras. Historia, Artes de Pesca e Receitario”, e por iso deu a coñecer esta obra no establecemento padrónes, no que se cociña un dos pratos de referencia dentro das preparacións deste peixe: o timbal de lamprea.

O libro en cuestión foi editado por Galaxia e conta con prólogos de Ferrán Adriá e Juan María Arzak.

Nel pode atoparse abondosa e interesante documentación sobre o mundo da lamprea. A súa morfoloxía, bioloxía, área de distribución e artes de pesca. Ademais, no apartado de gastronomía inclúese unha ampla selección de receitas, tanto tradicionais como da nova cociña.

Vida cotiá
“Historia da vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX” é o título doutro recomendable libro, editado por NigraTrea e escrito polo profesor da USC Xavier Castro, que entre outras cuestións aborda a evolución dos costumes alimentarios dos galegos.

Esta obra, que recibiu o Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo, constitúe un achegamento de síntese á historia da vida cotiá na Galicia contemporánea, dende unha perspectiva de conxunto. Fala do devir das xentes de diferente condición social: Dos que comían ben e durmían en colchóns de la e dos que levaban unha existencia precaria, téndose que deitar amoreados en xergóns de follato: os homes, as mulleres e os nenos; os labregos, os fidalgos e os habitantes das cidades. Fálase do seu xeito de vivir o amor e a familia, a alimentación, a vivenda, a indumentaria, a hixiene, o traballo e máis o lecer, así coma o mundo da escola.

Trátase ademais dunha obra de agradable e doada lectura, por estar escrita nunha linguaxe asequible e non academicista, e polo profuso emprego que se fai nela de textos literarios, etnográficos e testemuñas orais, que contribúen a darlle amenidade ao tempo que axudan a recrear o imaxinario colectivo e a atmosfera social na que se desenvolveu a existencia de varias xeracións de galegos de a pé.

Xavier Castro, natural de Cangas (Pontevedra) é escritor e Catedrático de Escola Universitaria de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago, desempeñando o seu labor na Facultade de Xeografía e Historia.

Tamén desenvolveu tarefas de docencia e investigación en Francia e impartiu diversos cursos sobre a cultura do viño. Forma parte da rede de investigadores europeos especializados en historia da alimentación e tense desempeñado como asesor histórico en varios proxectos audiovisuais, caso de “As leis de Celavella” ou “A casa de 1906”.

Comentarios