Contramanifestación promovida polo PP a favor da permanencia de Ence

O portavoz do partido, Jacobo Moreira, acusou a Silva e Lores de ser "cómplices perfectos para ir desmantelando Pontevedra aos poucos"
Recinto industrial de Ence en Lourizán
photo_camera Recinto industrial de Ence en Lourizán

Tras o anuncio do Concello e a Deputación dunha ofensiva contra a prórroga da concesión á pasteira máis aló de 2018, os deputados provinciais do PP Ángel Moldes, Xosé Crespo e Nidia Arévalo reuníronse este venres con membros do comité de empresa de Ence e a Plataforma Pro Industria Pontevedra para anunciar outra, en sentido contrario.

"Haxa ou non unha moción na Deputación a favor do peche de Ence, o PP vai presentar unha a favor do mantemento dos postos de traballo. Se hai charlas informativas en contra de Ence, tamén as haberá cos nosos argumentos; e se van facer unha manifestación para a súa desaparición, tamén haberá unha contramanifestación a favor da súa permanencia", dixo Moldes, que pechou filas co presidente do comité de empresa, Pedro Soto, de UXT e da plataforma, composta maioritariamente por provedores da fábrica.

O portavoz local, Jacobo Moreira, pronunciouse nunha comparecencia paralela en termos similares, acusando á presidenta da Deputación, Carmela Silva e ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, de ser "cómplices perfectos para ir desmantelando Pontevedra aos poucos".

O PP recuperou oficialmente este ano o seu apoio á fábrica, tras oito de oposición.

Comentarios