Arrestados por roubo en Santiago dous homes que acumulan 50 detencións

Un dos autores foi detido en febreiro e o outro esta semana

Dous homes, que en común acumulan medio centenar de detencións, foron arrestados en Compostela por unha subtracción, informaron fontes policiais. O pasado 26 de febreiro, os axentes detiveron a un deles por roubo con forza e este mércores a outro acusado de dous roubos con forza. Segundo informa a policía nun comunicado, os feitos remóntanse ao pasado febreiro cando ambos entraron a roubar nunha empresa no Polígono do Tambre (Santiago).

Nun intervalo de dous días entraron en dúas ocasións, e o responsable do negocio o primeiro día botou en falta uns 80 euros e o segundo unha impresora e un tóner. Ao pouco tempo de denunciar os feitos, a policía detivo a un dos autores, de 36 anos e con máis de 30 detencións por roubos.

Tras ser ouvido en declaración polos axentes, foi posto en liberdade tendo que comparecer ante o xuíz cando sexa requirido. O pasado 2 de marzo produciuse un roubo con forza nun bar da zona vella desta cidade. Tras investigacións levadas a cabo polos axentes que levan o caso, púidose identificar o autor dos feitos que subtraeu unha cantidade próxima aos 300 euros.

A este individuo tamén se lle imputa o roubo con forza no almacén do polígono do Tambre, polo que terá que responder ante a xustiza polos dous feitos. Este detido ten 43 anos e 18 detencións ás súas costas por feitos similares.

Comentarios