Noriega ratifica que o servizo de comedores escolares licitarase tras as vacacións de Nadal

O alcalde de Santiago manifestou que se traballa cun horizonte de "30 ou 40 días"

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, confirmou este luns que o proceso negociado de contratación do servizo de comedores será licitado "logo das vacacións de Nadal".

En rolda de prensa a preguntas dos medios, Noriega comentou que confía en que tras as vacacións do Nadal "xa estea a empresa licitada" e manifestou que se traballa cun horizonte de "30 ou 40 días".
 
Neste sentido, o rexedor local sinalou que nestas semanas "tan só dúas familias se interesaron en saber cal era o estado da contrata", e non por queixas, "senón pola información que ía saíndo sobre a mesma". Ademais, engadiu que, para a resolución "necesítase un mínimo de tempo" e destacou que "o servizo de comedores deste ano é un modelo a estudar" a medio e longo prazo.

Por outra banda, preguntado polas acusacións do Partido Popular, que sinala unha débeda municipal de catro millóns de euros e atrasos nos pagos, o rexedor explicou que se deben á existencia de "facturas que non tiñan contrato en vigor" ou non estaban orzadas.

CONTRATOS. Ademais, Noriega criticou o "uso e abuso" de contratos menores por valor de "3.000 euros" asinados, segundo asegurou, durante o goberno do Partido Popular. "Eu de maior quero ser como Agustín Hernández, facelas e logo culpar aos outros", engadiu o rexedor local.

Así, acusou á oposición de ter "pouco pudor" e comunicou que parte das débedas existentes están "vinculadas" á xestión do Partido Popular.

En consecuencia, incidiu en que está "interesado" en cuantificar a débeda, a cal cifra en máis de 1,5 millóns, e que prevé realizalo nos próximos días.

ILUMINACIÓN DE NADAL. Doutra banda, preguntado sobre a data para a instalación da iluminación do Nadal, o alcalde compostelán indicou que "evidentemente será despois da ponte".

Ademais, remarcou a necesidade de "buscar un equilibrio" entre "as cuestións de aforro enerxético" e as demandas do comercio da cidade, un debate no que non ten "interese", segundo dixo, en entrar, xa que entende "as razóns".

En consecuencia, o rexedor local xustificou o atraso na toma de decisións respecto da instalación da iluminación pola necesidade de dotar o departamento de Festas con fondos locais, xa que "moitas das partidas estaban esgotadas".

Finalmente, o alcalde subliñou que as críticas á xestión da administración local do seu partido débense á "contaminación" por motivos "electorais". Segundo Noriega, á oposición, "interésalle" dicir que os "novos gobernos non están á altura". Ademais, admitiu que, aínda que non dá "por bos" os resultados, tampouco se vive nunha "Apocalipse".

Comentarios