Detido en Ourense cando portaba 50 landras de haxix nunha motocicleta

O ciclomotor estaba destinado á repartición de comida a domicilio

Membros da Policía Nacional de Ourense detiveron a un home como suposto autor dun delito de tráfico de drogas, tras achar cincuenta landras de haxix na maleta dun ciclomotor destinado á repartición de comida a domicilio. Segundo informou a Comisaría Provincial, ao home detivérono este xoves no marco dunha investigación protagonizada polo grupo de estupefacientes da comisaría provincial de Ourense, por posible tráfico de sustancias estupefacientes.

No marco desta operación, localizaron na maleta do ciclomotor cincuenta landras que contiñan haxix, cun peso total de cincocentos gramos, polo que solicitaron o correspondente mandamento de entrada e rexistro da vivenda do presunto autor. No interior, incautáronse un total de 168 landras de haxix cun peso de 1.680 gramos. En total, a sustancia estupefaciente intervida foron 2.180 gramos

O detido, un home de 31 anos, de orixe marroquí, foi trasladado a dependencias policiais co fin de continuar coas dilixencias oportunas. Tras prestar declaración, quedou en liberdade.

Comentarios