Detido por agredir á súa filla de 13 anos na Coruña

Cando chegaron os axentes a nena dispúñase a escapar do inmoble e levaba escondido un coitelo debaixo do brazo

Un home de 52 anos foi detido na Coruña por un presunto delito de violencia de xénero contra a súa filla, unha menor de 13 anos.

Os feitos ocorreron durante a tarde do sábado, 10 de marzo, cando unha chamada alertou á Policía Local dun episodio de malos tratos nun domicilio situado nas inmediacións da avenida de Finisterre, informan este martes fontes municipais.

Unha patrulla da Policía Local acudiu á vivenda onde unha moza de 22 anos e a súa irmá, unha menor de 13, relataron que o seu pai se mostraba moi agresivo con elas manifestando o seu medo a que as agredise.

A patrulla que se desprazou ata o lugar mediou no conflito e acordou que o que pai abandonase a vivenda ata que se acougase.

Horas máis tarde de producirse este incidente, unha nova chamada alertou ao 092 de que o pai regresara ao domicilio e presuntamente agredira a unha das fillas, en concreto á menor.

De novo, unha dotación da Policía Local trasladouse á vivenda onde a moza declarou que o seu pai lle propinou varias puñadas nas costas.

No momento en que a patrulla chegou, a nena dispúñase a escapar do inmoble e levaba escondido un coitelo debaixo do brazo co que pretendía defenderse no caso de que o pai a volvese a atacar, tal e como manifestou aos axentes.

A Policía Local trasladou á menor ao CHUAC mentres que o home foi detido e enviado a dependencias policiais, onde se lle tramitou unha denuncia por un presunto delito de malos tratos no ámbito familiar.