Un coche sen ocupantes cae ao encoro de Portodemouros, en Santiso

O condutor do vehículo foi localizado ileso cerca do lugar dos feitos

Un vehículo sen persoas no seu interior caeu este luns ao encoro de Portodemouros, no termo municipal de Santiso. O condutor do turismo foi localizado ileso preto da zona dos feitos. Con todo, foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago para ser sometido a un recoñecemento.

O responsable do catamarán do encoro presenciou como o vehículo se mergullaba na auga e chamou ao 112 Galicia ás 12.45 horas. Explicou que o coche se precipitou desde a estrada que une Melide con Visantoña.

Con estes datos, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia alertou ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros do Deza e aos de Arzúa. Os feitos tamén foron postos en coñecemento do GES de Lalín, de Protección Civil e da Garda Civil de Tráfico.

Os Bombeiros do Deza, axudados polos de Arzúa, comprobaron que no interior do coche non había ninguén. Finalmente, retiraron o vehículo da auga, co apoio loxístico do propio catamarán de Portodemouros.

Comentarios