Opinión

Camiños en disolución

Sendas de bosque é un chanzo máis na proposta creativa de Juan Adrio na fotografía. Unha exploración territorial que se converte en íntima a través da metáfora do camiño que se presenta como un xeito de elección ante a súa presenza, que é a nosa, convertida nun desafío.

Na compostelana galería Luisa Pita o pontevedrés Juan Adrio amosa a súa recente obra fotográfica que, baixo o título de Sendas de bosque, incide na natureza como medio dende o que propoñer unha obra dunha exquisita factura técnica.

rozas

Paisaxes mínimas e Senlleiras foron as dúas series anteriores nas que Juan Adrio abordou esa exploración dunha contorna natural, que non ten por que ser obrigadamente allea a nós, nin respostar a un destino exótico ou inalcanzable, senón que ás portas das nosas vilas xa temos estes espazos cheos de posibilidades plásticas e sensoriais, capaces de motivar unha nova mirada sobre a nosa relación con eles e que, xunto cos efectos provocados pola meteoroloxía, provocar a nosa reflexión.

Agora é esta Sendas de bosque a que toma o relevo, aínda que manténdose esa mirada poética, mesmo incrementándoa, e sumándolle unha fraxilidade que se contrapón coa propia realidade dunha natureza forte e resistente e que Juan Adrio visibiliza dende esa pureza case oriental, cunha brancura que resalta ese espazo de corte ascético e que, axudado pola propia forma dos seus soportes (aínda que estes se amosen en diferentes dimensións) remite á estampa xaponesa ou a eses biombos cuxa decoración ía moito máis alá dese fin meramente ornamental, senón que supoñía toda unha mirada trascendental á natureza e a cal é a nosa vinculación con ela.

Nun coñecido texto de Wittgenstein refírese aos camiños de bosque nos seguintes termos: "Cada un deles segue un trazado diferente, pero sempre dentro do mesmo bosque. Moitas veces semella como se fosen iguais, pero é unha mera apariencia". Dende esas apariencias traballa Juan Adrio para afrontar esa disolución dos camiños ante o libre e incontible avance da natureza, ante esa invasión que só o paso humano é quen de evitar. Vieiros que xorden as máis das veces da casualidade, dun paso repetido unha e outra vez polo mesmo lugar, pero que a partir desa repetición quedan xa fixados no seu interior como os traxectos polos que movernos cando nos achegamos a un deses espazos. Pegadas sobre pegadas. Pasos sobre os pasos dos que nos antecederon nun devir cíclico que se corresponde coa propia natureza que agora nos acolle.

Así é como as fotografías semellan ser unha proposta para que percorramos eses camiños, que demos un afouto paso para sentir o que acontece rodeados desas árbores que nos flanquean como pantasmas. Presenzas que activan o noso imaxinario e que xogan a enganar a nosa percepción do que é real e do que non. Fronte a ela sentimos o arreguizo desa extrema brancura o que alenta o seu misterio, ese mesmo que cando atopamos unha senda semella querer engulirte para que dende o seu interior te sintas parte dela, unha mesma unidade. Alí o tempo semella en suspenso, como alleo a unha realidade completamente afastada deste novo escenario, distraendo a nosa propia percepción dela e obrigándonos a formar parte desta outra realidade paralela. É a capacidade da arte para a evasión, para unha vez dentro dese feitizo no que nos atopamos sentir cómo abrolla a outra compoñente da acción fotográfica de Juan Adrio como é a beleza. Tantas veces en discusión nesa outra realidade na que nos atopamos, enfrontarse a calquera das pezas desta mostra é sentir o compromiso da beleza como unha das grandes necesidades do ser humano para sentirse como tal. Unha beleza que vai máis alá da mera percepción visual senón que impresiona ao espectador ao sentirse cómplice dese misterio interno que entre troncos, ramas e follas é quen de xerar unha atmosfera de serenidade da que queremos formar parte.

Consolida Juan Adrio a súa traxectoria no eido da fotografía cunha das traxectorias máis interesantes da actualidade dende un traballo moi estudado que converte a experiencia propia nun feito artístico no taller para conterse nestas composicións de texturas e luz, pero sobre de emocións arredor dunha natureza en cuxo silencio só nos escoitamos a nós mesmos, xustamente o que máis precisamos cando lonxe desas imaxes é o balbordo o que semella rexer as nosas vidas.

Comentarios