Opinión

Reliquias

AÍNDA QUE os profesores temos o deber de manter a nosa neutralidade no ensino, as nosas ideas rematan por agromar ao pasar moitas horas con estudantes e compañeiras. Quizais por iso o meu comunismo é materia de brincadeira ano tras ano, o que se aproveita para facer os cursos máis interesantes. É gracioso porque nestes tempos declararse comunista é afirmar que un é unha especie de reliquia, máis vello ca unha árbore. Por que agora xa non hai comunistas, iso ten que ser cousa do pasado, por forza. Non si?

Porén, non se entende o pasado recente de moitos países, entre eles España, sen analizar a fondo o papel xogado nel polos partidos comunistas. E xa non digamos a súa cultura, posto que, a pesares dos esforzos revisionistas de moitos historiadores e pseudohistoriadores ao longo e ancho do mundo, ninguén pode negar que o mundo da arte e a literatura dos séculos XIX e XX non se pode comprender sen atender á filiación política de esquerdas de escritores, pintoras ou arquitectos. A esa análise dedícase Andreu Navarra en El comunismo en España. Mito, pueblo y revolución, que publica Cátedra na súa colección La historia de..., que vén a ofrecer xa dende hai una anos toda unha serie de manuais de grande interese divulgativa.

Sorprende inicialmente ver a Navarra nestes asuntos, posto que o grande público pode coñecelo máis polas súas obras dedicadas a criticar as recentes leis educativas. En realidade ambas empresas intelectuais están conectadas, posto que as críticas do autor á educación baséanse en que os sucesivos gobernos adoptaron perspectivas utilitarias e ultracapitalistas, afastadas de calquera ideal de Ilustración e igualdade de oportunidades para os máis desfavorecidos. A posíbel sorpresa desaparece en apenas unhas poucas páxinas: as que Navarra dedica a esnaquizar o espantallo do goberno socialcomunista —axitado polos medios de dereita e extrema dereita— e a debuxar a fronteira entre o comunismo histórico, o leninismo e as declaracións de comunismo de calquera político actual. 

A continuación comeza un relato áxil e asumíbel para case que calquera lector, no que o autor demostra capacidade de comunicación, manexo de fontes primarias e secundarias e habilidade para a síntese —algo necesario dado o formato da colección—. Especial mención merece a súa capacidade para evitar as sopas de siglas e as enumeracións de políticos que tivesen un papel tanxencial no comunismo español, posto que, como di a vella broma, xa se sabe que na esquerda dúas persoas son unha corrente e unha, unha escisión. Dito isto, a coherencia do relato fraquea nalgunhas ocasións, con repeticións innecesarias de datos ou descricións de sucesos situadas anacronicamente.

Quizais o maior punto forte deste manual sexa a mesura. Lonxe das hipérboles, tanto laudatorias coma difamatorias, Navarra analiza con asepsia as opinións e actuacións de personaxes como Pasionaria, Santiago Carrillo ou Jorge Semprún —máis recentemente, Julio Anguita, con quen remata a obra—, que non se caracterizaron pola súa coherencia precisamente, e valora con equilibrio os seus acertos e erros. Máis emotividade presentan os moitos episodios que conectan coa Memoria Histórica: e é que un libro desta clase non pode esquecer que, coas súas equivocacións, o PCE loitou pola democracia en España e puxo a parte do león entre as vítimas do réxime franquista e entre aqueles que, como Antonio Machado, tiveron que abandonar a súa casa para marchar ao exilio —e, en non poucas ocasións, á morte no estranxeiro— só por defender unha España republicana, democrática e máis igualitaria para todas e todos.

Comentarios