Blogue | El Ojo Público

Un chanzo máis do cinema galego

A Cuncha de Ouro no último Festival de San Sebastián para Jaione Camborda (Donostia, 1983) deu titulares para a historia
Nuria Lestegás nun fotograma de O Corno. EP
photo_camera Nuria Lestegás nun fotograma de O Corno. EP

FOI A PRIMEIRA vez que, en 71 anos de certame, unha española gañaba o máximo galardón cunha película rodada en galego. O fito de Camborda, sen dúbida, está aí, pero non foi un acontecemento illado. O cinema feito en Galicia leva dúas décadas de ascenso tranquilo e seguro, dunha cinematografía creada con produtoras pequenas e cunha aposta por películas capaces de seducir a programadores e xurados de todo o mundo. Ese foi o camiño que seguiu o Novo Cinema Galego —ao que, desde determinados círculos culturais se lle menosprezou por elitista— e que máis aló de logros concretos foi o xerme dunha comunidade de autoras e produtoras que hoxe continúan co legado.

Camborda, donostiarra de nacemento e compostelá de adopción, uniuse a ese grupo hai uns anos. Formada en Praga e en Múnich, foi guionista de Os fenómenos (2014) e Ons (2020), dirixidas por Alfonso Zarauza, directora de arte de Encallados (Zarauza, 2013) e As altas presións (Angel Santos, 2014), e deseñadora de produción de Lúa vermella (Lois Patiño, 2020).

Mentres tanto, realizaba as curtametraxes rodadas con celuloide: Work in Progress (2015), Proba de axilidade (2015), Rapa das bestas (2015) e Nimbos (2015), esta última dentro do experimento colectivo Chanfaina Lab, dirixido por Manolo González en San Sadurniño. A principios de 2020, a semana anterior a que se desatase a pandemia de Covid, estreou Arima, unha película que viña co Premio á Mellor Dirección na sección Nuevas Olas no Festival de Cine Europeo de Sevilla e Premio á Mellor Película na sección Escáner do festival Márgenes. A película, por mor dos imponderables, pasou desapercibida na súa estrea en salas

Desde 2010, o cinema galego vive unha progresión de baixa intensidade con explosións visibles de cando en vez. O crítico galego de cinema Martin Pawley inventou a etiqueta Novo Cinema Galego para algo que aínda era unha promesa, pero se adiviñaban escintileos de futuro. Varios cineastas moi novos volvían despois de rematar os estudos fóra de Galicia e asentábanse no país aplicando o aprendido e sacando adiante proxectos, algúns deles moi pequenos, nunha mestura de referencias, paisaxes e culturas. Era un momento de transición. O investimento público na creación dunha industria audiovisual na primeira década dos anos dousmiles rematou de forma abrupta. Cunha ambición moi diferente naceu a Axencia Audiovisual Galega —hoxe Axencia Galega de Industrias Culturais, Agadic—, no goberno bipartito (2005-2009). Manolo González, o mesmo que hoxe impulsa o Chanfaina Lab, foi o director xeral de Cultura e o responsable absoluto da creación dunhas axudas de talento que sentaron as bases dunha produción audiovisual distinta. Nun artigo para Cahiers du Cinema en 2013, González resumía a evolución vivida naqueles anos: "Os grandes dinosauros extínguense, os pequenos mamíferos sobreviven".

Nestas dúas décadas de cambio estrutural, o cinema galego gañouse unha posición e un nome indiscutible. Oliver Laxe (París, 1980) foi, durante moito tempo, o máis visible e o que alcanzou os logros máis insospeitados. Con O que arde (2019) conseguiu a cadratura do círculo. Recoñecemento en festivais —gañador do premio do xurado Una Certa Mirada no Festival de Cannes) e respaldo do público —nomeado a Mellor Director nos premios Goya e película en galego coa recadación máis alta da historia—. Esta é a punta do iceberg. Xacio Baño, Diana Toucedo, Lois Patiño, Álvaro Gago, Anxos Fazáns… A lista de autores non para de crecer e de incorporar películas a unha cinematografía aínda pequena pero en constante progreso. Jaione Camborda non é unha sorpresa. É un chanzo máis dunha autora con moita personalidade. O Corno é o último triunfo dunha película galega no circuíto internacional de festivais e estréase o día 11 de outubro en salas comerciais.

Comentarios