Macron abre a porta a incluír na Constitución francesa a singularidade de Córcega

Rexeita outras reivindicacións dos nocacionalistas corsos, como a cooficialidade da lingua ou o status de residente

Emmanuel Macron. BENOIT TESSIER
photo_camera Emmanuel Macron. BENOIT TESSIER

O presidente francés, Emmanuel  Macron, abriu este mércores a porta a que a Constitución do país recolla a singularidade de Córcega, unha das principais reivindicacións dos nacionalistas da illa, pero rexeitou as outras, como a cooficialidade da lingua ou o status de residente.

No seu segundo día de visita a Córcega, a primeira como xefe de Estado, Macron pronunciou un discurso en Bastia, segunda cidade da illa, rodeado de cinco bandeiras francesas e europeas e sen ningún símbolo corso.

Un escenario cargado de simbolismo desde o que, na liña do asegurado a véspera, descartou a saída de Córcega de Francia e propuxo abandonar ese debate para centrarse nos problemas dos cidadáns, a quen prometeu desenvolvemento económico para facer da illa a "punta de lanza" da política francesa no Mediterráneo.

Un día despois de descartar calquera medida de graza cos presos corsos, outra das peticións dos independentistas,  Macron mantivo a súa firmeza fronte ás súas reivindicacións.

A única concesión que fixo foi mostrarse favorable a que Córcega figure na Constitución, dentro da reforma que o seu Goberno está a preparar e que debe ser aprobada a próxima primavera.

Desa forma, indicou, garántese o seu "afianzamento" dentro do país, pero tamén se "recoñece a súa identidade", aínda que evitou explicar que implicaría ese recoñecemento.

Contrario a que se modifique o estatuto de Córcega, que entrou en vigor en xaneiro pasado e que ofrece maior poder ás institucións locais, Macron anunciou que no próximo mes negociarase coas autoridades da illa a maneira na que se fará esa mención na Carta Magna.

Propuxo que se busque para Córcega un punto intermedio entre as rexións ultraperiféricas, como Nova Caledonia, e as continentais.

Resta por ver se esa concesión contenta ás dúas figuras do nacionalismo, o autonomista Gilles Simeoni, actual xefe do Executivo corso, e o independentista Jean-Guy  Talamoni, presidente da Asemblea. Ambos se reuniron este martes con  Macron e fixeron saber a través da súa contorna que non estaban de acordo coa posición do dirixente, que consideraron pouco flexible e pechada ás peticións do pobo expresadas nas eleccións rexionais de decembro pasado.

Mostra do seu descontento foi que boicotearon este mércores un xantar con  Macron, aínda que acudiron ao seu discurso, que non aplaudiron, no que viron como o presidente só asumía, e de forma vaga, unha das súas reivindicacións.

Comentarios