Opinión

'Dhogs' brillou sobre trece cabezas mateas

O éxito da película duns mozos de Meira é unha mostra de que os triunfos soamente nacen de grandes amizades ou de soberbias traizóns

Graham - Táboa redonda
photo_camera Graham - Táboa redonda

UNHA NOITE de aí atrás a Lúa fora pintada por Chagall. Era unha lúa de Unión Fenosa. Esa noite, os Catro de Meira rebentaron a banca levando trece premios Mestre Mateo. Andrés Goteira, Suso López, Laura Doval e Adrián Folgueira apostaran catro anos atrás todo a Dhogs, unha película extravagante, alucinada e solitaria. Foron galardoados con cabezas mateas abondas como para facer unha obra repetitiva de Andy Warhol.

Catro amigos lucenses de Meira víronse beneficiados polo gregarismo premiante, tan humano. Pero, para conseguilo, hai que prendelo. Gañar trece galardóns requeriulles chegar ás 17 nominacións. Antes, triunfaran en festivais holandeses e de sitios nos que unicamente se fala do que se sabe. Despois, premiámolos aquí porque neste país abrimos a boca ante a toponimia exótica. O director, Andrés Goteira, xa asumiu que tes que estrear en Bos Aires para que che deixen facer un pase en Lugo, a trinta quilómetros da casa.

O sábado anterior ao de onte, estiven seguindo a gala do cinema galego. Deixéime fascinar, coma adoito, polo imaxinación voadora e escenográfica de Marta Pazos. A directora creou un espectáculo precioso entre o futurismo feliz de Marinetti e o ludismo bakaladeiro de Chimo Bayo.

Días antes, eu telefonara a un académico de primeira hora. "Todo o mundo vai votar por Dhogs, Jaure; non hai consigna, pero xa sabes como se moven as cadeas cando enganchan un obxecto". Non puiden votar porque,claro non son académico; pero tería apoiado a cinta de Gaitafilmes aínda sen vela porque hai anos que a escoito. Asistín á súa conformación como se vise os rapaces que a construíron na saída do leitoso calor da infancia e na subida ao luminoso asteroide da mocidade. Non porque sexan amigos meus, nin sequera coñezo a tres deles; pero Laura falaba con emoción dos intentos de que alguén os tomase en consideración cimetográfica. E a consideración aparecéulles o anterior sábado a onte cheo de luz, misericordia, alegría e sorpresa. Foi como unha páxina limpa de San Juan de la Cruz: "Aquella eterna fonte está escondida,/ que bien sé yo do tiene su manida,/ aunque es de noche".

A amizade non admite insertos. Ás veces, os seus froitos son doces; ás veces, amargos. Sempre son puros. Os fracasos firen se se logran entre varios, porque as causas son alleas e o repertorio de desculpas aumenta. Os triunfos poden xurdir de grandes fidelidades e hai proxectos fabulosos que triunfan sobre a desleadade. Dhogs saiu adiante por unha amizade e The Washington Post creceu pola traizón que a editora Katherine Graham cometeu contra amigos seus, como o secretario de Estado de Defensa Robert McNamara.

Graham non soubo de pisar esparto ata que tivo que decidir se publicaba no seu xornal documentos clasificados sobre a guerra de Vietnam. Os secretos de Estado non son confidenciais en beneficio do Estado, senón en beneficio de quen os declara confidenciais.

McNamara non puido protexerse de que se publicasen eses papeis reservados porque a súa amiga Katherine abrazou o seu periódico. A consecuencia foi que McNamara quedou desamparado na sombra fría que xestionaba Richard Nixon. O presidente era "sinceiro nun paso e falso no seguinte, para corrixir discretamente o mal paso", como apreciou Norman Mailer.

O proceso polo que Katherine Graham manifestou a súa valía persoal contra a percepción xeralizada é narrado por Steven Spielberg en Los archivos del Pentágono. Sobre esa película dixo Grial Parga que pagou a bancarrota dos Oscars porque a ruleta detívose na transición entre xeracións. Eu acredito en todo o que me mande Grial sobre cine, agás en que Supersalidos é unha película que mereza outro pouso que a risa inconsistente.

Segundo lin nas fornadas que saíron do teletipo o domingo marchado, Dhogs é unha cinta sobre a nosa exquisita capacidade para facer sufrir os outros. Esa habilidade que temos é favorecida no filme por un ambiente social de indolencia. O resumo contradise coa cordialidade do equipo de Dhogs. Semella que Meira é un colectivo orgánico e que os cineastas de Gaitafilmes son ollos capaces de proxectar o mundo en dúas dimensións emocionais sobre unha tea pálida.

Los archivos del Pentágono fala desa sociedade indiferente que deambula no fondo do escenario de Dhogs tan incredulamente como se un morto se mirase nun espello. Ambas as películas son metáforas. Dhogs é unha metáfora da dor que supura a soidade e Los archivos del Pentágono, da dor allea que provoca o poder. Tamén da carne viva que se che abre ao perdelo.

A importancia de que Katherine Graham impuxese a liberade da expresión sobre a amizade e sobre o seu encaixe na elite de Washington foi determinante. A editora escribe na súa autobiografía Una historia personal: "A publicación dos Papeis do Pentágono fixo máis fáciles, mesmo posibles, as decisións posteriores. Sobre todo, preparounos —e sospeito, por desgraza, que tamén a Nixon— para o Watergate".

Certo que a editora se enfrontaba a un político mediocre, como adoitan ser os presidentes. "Dificilmente houbo no Watergate un feito que non fose presentado como máis parvo do que podería ter sido", escribiu tamén Mailer. Con toda a súa impostura, Nixon non deixaba de gobernar a metade do planeta. Nunca saberemos se San Juan pensaba na esixencia de veracidade xornalística cando recitaba: "Su claridad nunca es oscurecida,/ y sé que toda luz de ella es venida,/ aunque es de noche".

Nota: Artigo publicado na edición impresa o 11 de marzo de 2018

Comentarios