Opinión

Stevens revisitado

Wallace Stevens. EP
photo_camera Wallace Stevens. EP

TODOS OS días un cabaleiro de pelo branco, con traxe escuro e gravata vermella, camiña dende a súa casa a unha oficina de seguros en Hartford, Connecticut. Neve ou faga sol. E compón no caletre os seus versos, por iso os poemas son máis longos en verán, cando pode demorarse baixo a luz do astro rei, ca no cru inverno de Nova Inglaterra, cando un manto branco de moitos centímetros cobre o camiño ao traballo e hai que apurar para non enfermar.

Chámase Wallace Stevens e é o meirande poeta estadounidense do século XX, a voz que fusiona o transcendentalismo de Ralph Waldo Emerson; o simbolismo da Francia de Rimbaud e Mallarmé, e as vangardas que representa Pablo Picasso. O seu primeiro libro, Harmonio, chega xa nos corenta: decidiu aforrar aos lectores as dúbidas do principiante e presentarse ante eles cunha voz nidia e madura, a que mantería ata retirarse da actividade literaria a mediados dos 50, xa con case que todos os premios baixo o brazo.

Con este poemario ábrese a Poesía reunida de Stevens que vén de publicar a editorial Lumen, quizais como resaca dos versos de William Carlos Williams que tan boa acollida tiveron o ano pasado  o facerse unha película sobre o imprescindíbel Paterson. O mesmo que con Williams, non se trata dunhas obras ou unha poesía completa e é unha mágoa xa que no caso de Stevens apenas faltarían un par de obras para ter feito unha obra de referencia que quedase para sempre. Se lles serve de algo, iso non importou demasiado á hora de utilizalo como escusa para un café literario entre taboeiros.

Dende unha perspectiva española ou europea Stevens aparece en certa maneira nas antípodas. Definiu a súa lírica como "a poesía dos actos da mente" e é unha poesía pura e intelectual pero allea a toda a dramatización que pode identificar o lector europeo cun Juan Ramón Jiménez ou un Paul Valéry, poetas que pertencen ao mesmo lapso temporal. Cando sentamos a lela temos que deternos na enunciación, nos ritmos internos das sentencias, nunha linguaxe que actúa de exorcismo para o caos do mundo. A retórica de Wallace Stevens é hierática e ordenadora, disolve os obxectos na linguaxe e abre as portas do coñecemento.

Porque con Stevens chegamos a un dos cumios da poesía como coñecemento. A través do uso connotativo da linguaxe —oposto á denotación esaxerada— o poeta fai cousas con palabras, inventa a realidade en lugar de describila e ao distanciarse da linguaxe ordinaria abre as portas a un novo coñecemento. Podemos esquecer os datos e os sentidos para entrar da man da voz lírica no noso mundo transformado pola poesía.

O dito pode levar a pensar nunha poesía escura e incomprensíbel. Nada máis lonxe da realidade, xa que Stevens non é barroco nin experimental coma e. e. cummings ou o malfadado Hart Crane. A súa lectura é un oasis de paz e fondura intelectual en tempos de intranquilidade e da superficialidade de todo o que rodea ás redes sociais e á lectura en soportes alternativos ao papel.

Non é a primeira vez que Stevens aparece por esta columna pero si penso que será a derradeira, xa que unhas 'obras completas' pouco máis aportarían. Haberá que deixar espazo para o agromar editorial da poesía estadounidense en España, que levou recentemente á edición de Elizabeth Bishop, Anne Sexton, Robert Lowell, unha completísima edición de T.S. Eliot —nacido en América— e rematará nestas semanas cunha edición completa dos Cantos de Ezra Pound que agardamos como auga de maio os fanáticos. Definitiva e paradoxalmente, non son malos tempos para a lírica.

Comentarios