A cantante Amy Winehouse non deixa de estar no ollo do furacán. A pasada fin de semana saíu da cadea tras cumprir unha breve condena por agredir un home nun bar de Londres e xusto o día que quedou ceibe o xornal The Sun publicou que ten unha aventura co axudante do seu mánager.
O sensacionalista aclara que Amy quere manter en segredo esta relación para que non lle afecte ao seu marido, que está a cumprir condena. “Amy non quere que o seu home saiba disto para que non se entristeza e faga algo peor”, asegurou un amigo da artista británica. O certo é que Winehouse deu por finalizado o seu matrimonio un mes antes de celebrar o seu primeiro aniversario pero legalmente continúa casada.
Por outra banda, a cantante tamén coñeceu nada máis saír da cadea que o seu pai dixo publicamente que ten que ser internada nun psiquiátrico, porque “unha desintoxicación de dúas de semanas non arranxará os problemas que ten”.
Segundo o News of the World, Mitch Winehouse ten a intención de interromper as súas vacacións en Tenerife para ocuparse da súa filla, que, segundo el, lle pediu axuda para saír desta recaída. O primeiro que fixo o proxenitor foi poñerse en contanto con varios médicos e avogados.
Pete Doherty le o Corán, e Robbie Wiliams busca ovnis
Por outra banda, o tamén británico Pete Doherty, que cumpre condena por posesión de drogas, afirmou que se sente moito máis tranquilo desde que comezou a ler o Corán, xa que as escrituras musulmás o están axudando moito a manterse calmo no día a día.
Finalmente, o semirretirado cantante Robbie Williams estivo a dedicar estes últimos meses ao estudo do fenómeno ovni. O cantante, que loce unha curiosa barba de ermitán, recoñeceu que o seu interese pola existencia de vida extraterrestre está relacionado co seu “medo a durmir pola noite” e coa paixón da súa nai polo mundo do tarot.
28/04/2008