Miguel Anxo Murado: ''Ficción e realidade son como as dúas mans da miña imaxinación''

Datos de interés

  • Sábado 06.09.2008

Entrevista ao escritor

Miguel Anxo Murado: ''Ficción e realidade son como as dúas mans da miña imaxinación''


Etiquetas: Unión Europea, conflicto, Israel, Palestina, lengua, libro

Anxa Correa.

Miguel Anxo Murado (Lugo, 1965) está concentrando esforzos na literatura, e empeza a dar os seus froitos. No último ano ten publicado A segunda intifada, O soño da febre e Fin de século en Palestina. Isto obrígao a abandonar outras paixóns, como a Historia, o xornalismo ou o audiovisual, aínda que xa está a preparar o guión dun filme.

Murado vén de dar a sorpresa nos Premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega ao arrebatarlle o premio de narrativa a Luís Rei Núñez e a multipremiada O señor Lugrís e a negra sombra, cun dos seus últimos libros, O soño da febre.

Pregunta: ¿Tivo que recorrer á febre para que o mundo parecese máis irreal?

Resposta:
Si, permitiume facer literatura fantástica sen que sexa fantástica. Pode seguir sendo realista, pero é fantástica ao mesmo tempo. A febre é unha especie de estado literario, porque é unha distorsión da realidade. Hai unha certa comuñón entre a idea da febre e a idea da literatura. As dúas cousas deforman a percepción da realidade.

P: Na súa traxectoria literaria parece predominar sobretodo o real máis que a ficción...

R: A verdade é que me gustan distintos tipos de literatura e teño escrito cousas moi realistas, moi pegadas á terra, e outras que non. Gústanme os dous xéneros e non consigo concilialos, entón sáenme libros nunha dirección ou na outra. Son como a man dereita e a man esquerda da miña imaxinación e da miña maneira de ver a literatura.

P: Cando publicou A segunda intifada dixera que estaba demasiado obsesionado coa realidade como para levala ao terreno da ficción, ¿continúa con esa teima?

R: Voume achegando á idea da ficción. Fin de século en Palestina non é ficción, pero xa é un tratamento que non é nin ensaístico nin xornalístico da realidade. De feito, escribino para poder escribir libremente, eran recordos, cousas das que tiña que librarme antes de seguir escribindo. Todos os demais debéronse á vontade de escribilos, pero esta é a primeira vez que sentín necesidade de escribir un libro, e foi por nostalxia.

Inquedanzas
P:
É irmán do pintor Antonio Murado, ¿que clase de vitaminas lles deron na casa para desenvolver o potencial creativo?

R: [Ri] ¡E a miña irmá Clara María é unha gran arquitecto! Aínda non é moi coñecida, pero o será, porque é magnífica. Supoño que era o ambiente que había na miña casa, cun grande respecto pola cultura. Os meus pais, máis que animarnos, o que facían era non impedirnos. O meu pai líanos poemas, e a miña nai nunca se dedicou profesionalmente á arte pero tiña moitas inquedanzas artísticas, e iso herdámolo.

P: Xa con 16 anos escribiu a primeira novela que ten publicada, ¿como decidiu despois estudar historia e levar o seu traballo a outros terreos?

R: Tiña moitas curiosidades. Cando empecei a escribir tamén compoñía música. Se me preguntasen, diría que prefería ser compositor e non escritor. Creo que acabei sendo escritor porque, das cousas que facía, era a que se me deu mellor, a que máis gustou aos demais. Non pensaba ser escritor, toda a vida resistinme a esa idea, porque me parecía unha vida excesivamente sedentaria e contemplativa. Por iso me dediquei ao xornalismo, traballei para as Nacións Unidas... Son maneiras de experimentar a realidade. Tiña ansia por coñecer o mundo, e cando un está na casa escribindo, non ten esas experiencias.

P: ¿Agora dedícase só á literatura?

R: En certo modo sigo sendo correspondente, porque son comentarista da política española na BBC e escribo artigos. Pero estou máis dedicado aos libros. Levaba xa varios anos sen ter tempo para escribir libros, porque require calma e un esforzo grande de concentración durante moito tempo. Agora podo permitirmo e teño incluso un pouco de ansia por escribir libros, que é algo que non me sucedía dende había moitísimos anos. Ao mellor é a idade.

Oriente Medio, ida e volta
P: ¿Os seus libros chegan dalgún xeito ás sociedades das que fala?

R: Algúns amigos que saben castelán si que o leron. Unha amiga palestina dixo que era a primeira vez que vía un libro no que se falaba de Palestina e non só do conflito palestino. Fálase do pobo palestino como pobo, non só como vítima, porque a condición de vítima por unha parte serve para indicar unha inxustiza, pero por outra banda, cousifica dalgunha maneira a xente. E a amigos israelís que o leron tamén lles gustou, pareceulles un libro xusto, que foi algo do que non me preocupei moito ao facelo, porque un escritor non ten porque ser xusto, como cando se escribe Historia ou Xornalismo. Claro que son os meus amigos, e ao mellor non son opinións obxectivas.

P: ¿Que outras obras literarias ou cinematográficas cre que poden complementar unha visión tanto sobre o conflito de Oriente Medio como sobre os Balcáns, que tamén viviu de preto?

R: A de Palestina é unha cuestión moi tratada, mesmo de maneira excesiva. Vénseme á cabeza porque me gustou moito a película Paradise now, unha película moi honrada e moi xusta, moi boa para comprender os palestinos e o conflito. De libros, destacaría La limpieza étnica de Palestina, de Ilan Pappé, que explica como naceu Israel e a desaparición de Palestina, e de literatura, o de Teresa Aranguren, Olivo roto. Dos Balcáns hai menos, pero hai un libro de Francisco Veiga, La trampa balcánica, ou o de Carlos Taibo, A desintegración de Iugoslavia.

Conflito palestino-israelí
P: ¿Ve unha saída próxima ao conflito palestino?

R: Podería ter solución mañá mesmo, se se quixera. A xente pensa que é difícil de resolver, pero non. O que pasa é que hai unha precondición, que é que ten que haber un estado étnico en Israel, e iso fai imposible calquera solución. Creo que co tempo se solucionará porque as forzas da demografía e da historia son implacables.

As persoas que se describen a si mesmas como israelís xudeos son unha minoría na poboación de Palestina en realidade; se se suma á cantidade de refuxiados, deportados, cisxordanos, gazaquíes, arabes israelís, os distintos grupos nos que se divide aos árabes palestinos para que non parezan tantos, atópase con que os xurdeos israelís son o 25 por cento da poboación. Iso ao final manifestarase na realidade, ese país será unificado nun Estado que espero que sexa democrático, laico e onde se respecten os dereitos de todo o mundo. Iso sería a solución xusta e que acabará impoñendo o tempo. O malo é que de aquí a alá haberá moitísimo sufrimento por ambas partes.

P: ¿Que papel está xogando a comunidade internacional? ¿É necesaria a súa inxerencia para acadar a solución?

R: Eu creo que o mellor sería que non fixera nada a comunidade internacional, que non apoiase a ningún dos dous bandos, e así se solucionaría máis facilmente. O problema é que a comunidade internacional actúa dunha maneira sesgada, chea de prexuízos, moitas veces dunha maneira desinformada e condicionada politicamente por intereses que non teñen que ver coa realidade obxectiva.

Eu estaría pola non intervención absoluta, iso sería o ideal. En canto á Unión Europea, o papel que tiña era pouca cousa, bastante pobre, e agora é prexudicial. A traxedia de Gaza destes meses é en gran parte debido á responsabilidade israelí e palestina, pero máis aínda europea, que ten unha política inhumana. Ese boicot a un país no que a xente vive tan mal é unha cousa terrible.

08/05/2008

5'0 (4 votos)

valorar_registrado


Acceder Crear usuario

valorar_propios



valorar_valorado



¿Comentas?

comentarios_interesa guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

co_explica





captcha

Cambiar por outro


co_pouco_html
co_etiquetas_html

Opcións

Redes

Fotos


Buscar + información sobre








Publi


Galiciae
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso