O sector téxtil e da confección de Galicia é unha das actividades de mellor posicionamento estratéxico no marco da economía galega. En 2007 creáronse na nosa Comunidade algo máis do 5% de todas as empresas vinculadas ao sector téxtil e da confección creadas en España. Porén, comprender a súa situación actual esixe coñecer o novo marco no que teñen lugar os intercambios téxtiles na actualidade, así como as tendencias da economía globalizada.
O conxunto do sector téxtil e da confección mundial está sufrindo os efectos dunha crecente competencia de novos produtores emerxentes que impulsan actividades téxtiles baseadas nunha favorable estrutura de custos, en especial laborais, e que condicionan o desenvolvemento do sector. Este novo marco leva consigo unha cada día maior demanda de persoal técnico cualificado e polivalente, con capacidade para a xestión da innovación e o desenvolvemento equilibrado da industria téxtil galega.
Este constante crecemento da competencia esixe, polo tanto, una continua formación especializada dos seus profesionais para que estean altamente cualificados, equiparados cos mercados internacionais en produtividade, calidade e eficacia técnica. Analizadas as necesidades formativas concretas, dende a Asociación Téxtil de Galicia, Atexga, ofrecemos este ano máis de 2.000 horas de formación profesional a traballadores do sector.
Como novidade incorporamos un novo seminario de xestión aduanera no sector téxtil e da confección, no que están a participar máis de 25 responsables e técnicos dos departamentos Import-Export das empresas máis importantes do sector en Galicia.
Con este novidoso seminario, pretendemos dar resposta ás esixencias formativas cada vez máis especializadas neste eido dotando aos traballadores dos coñecementos necesarios para adaptarse ao novo modelo de negocio baseado na globalización das relacións comerciais e para que sexan capaces de determinar a orixe dos produtos téxtiles e aplicar os reximenes aduaneiros máis favorables.
Esta especialización contemplará un percorrido pola normativa legal que afecta ao tráfico internacional de produtos téxtiles facendo a análise de casos prácticos da man de responsables de Aduanas e Impostos Especiais da Axencia Tributaria e Axentes aduaneiros de acreditada experiencia neste eido que se caracteriza polo constante cambio.
Este seminario englóbase dentro do Plan Formativo que desenvolve Atexga ao longo de 2008 dirixido aos profesionais do sector da Comunidade e que consiste nun amplo programa de máis de 2.000 horas lectivas, un 32,50% máis que o ano anterior, e que está financiado pola Consellería de Traballo da Xunta e o Fondo Social Europeo.
Este incremento da oferta formativa obedece a que apreciamos unha gran necesidade de contar con recursos humanos altamente competitivos e ofrecer unha formación especializada no eido da industria téxtil coa finalidade de consolidar a fortaleza do sector e a súa importancia estratéxica para Galicia.
Deste xeito, Atexga impartirá un total de 23 accións formativas ao longo deste ano 2008, contempladas no novo Plan de Formación. Destacan os seminarios de alto grao de especialización en materias téxtiles como por exemplo os seminarios sobre a xestión de produción téxtil, a nova normativa contable para o exercicio 2008, tendencias de moda, ou programación de xénero de punto.
Á hora de configurar estas accións formativas tivemos en conta os diferentes perfís profesionais existentes nas empresas do sector, e as posibles limitacións dos traballadores, xeográficas de tempo, polo que ofrecemos 18 accións formativas presenciais e 5 en modalidade e-learning; estas últimas contarán co apoio on-line dun titor persoal.
Asemade, o 25% das prazas presentadas poderanse cubrir por traballadores desempregados. Deste xeito a diversidade das modalidades de impartición permiten o acceso á formación a un maior número de profesionais do téxtil. En total, Atexga impartirá un total de 2020 horas lectivas, 1206 horas en cursos presenciais e 814 en formación a distancia contemplando dende idiomas ata formación en novas tecnoloxías.
11/05/2008