Manuela Parada Rey, Manolita, desempeña un dos oficios máis arraigados e tradicionais da Galicia costeira, o de redeira. É a presidenta da Asociación de Redeiras Virxe do Carme, que agrupa 38 mulleres dos portos de Ribeira, Aguiño, Portosín e O Son; e a vicepresidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao. As redeiras traballaron durante anos á intemperie dos peiraos, pero agora a súa situación dá pasos de xigante para converterse nun oficio profesionalizado.
Pregunta: ¿Hoxe parece que se perdeu o de ver as redeiras no peirao?
Resposta: Si, porque nos negamos a estar á intemperie. É moi duro estar dez e doce horas sen ir para a casa á chuvia, ao frío ou ao sol. Coa axuda dun patrón maior de Aguiño comezamos a movernos para ter unha nave. E agora os armadores cando chegan do mar xa nos traen aquí os aparellos. As naves foron boas para todos, aquí rendemos máis, pero aínda hai moitas deficiencias por corrixir.
P: ¿Hai moito intrusismo?
R: Si, tanto no mundo dos homes, que traballan as redes do arrastre, como no das mulleres. Moitos mariñeiros xubilados reparaban aparellos a prezos máis baixos e chegaba un momento no que non tiñamos traballo. Agora parece que Traballo [a consellería] se está a meter para que desapareza. Pola súa culpa só estabamos traballando un par de meses ao ano.
P: ¿Cando traballan máis?
R: Adoita ser no inverno, porque ven mal tempo e rompen moito as redes. E tamén vai por zonas. Antes no verán, o pouco que había acaparábano os ilegais, na zona da Garda, de Laxe ou de Malpica era terrible, había uns 400. Foi unha das cousas que nos fixo federarnos. Se vas loitando pola túa conta non fas nada. O único xeito para que a administración se implicase era agruparnos. E a cousa vai indo, lenta, pero vai.
P: Grazas a iso estanlle dando cursos de formación.
R: Si, porque nós somos redeiras, pero non temos títulos que nos acrediten e tamén tivemos doutras cousas: de cooperativismo ou de informática. E os congresos valéronnos para ver que hai máis cousas, non só o peirao e a nave. Temos un campo de traballo moi grande; nós só sabiamos de redes de mar, pero tamén hai da construción, de campos de fútbol, de valados, unha chea de redes que podemos facer nós e non o sabiamos.
P: E tamén lles serviu para coñecer redeiras doutros lugares.
R: Si. Estivemos coas do País Vasco, falando dos nosos problemas, porque queremos que todas as redeiras teñan os mesmos dereitos. Ter unha organización coma en calquera traballo.
P: ¿Están mellor as redeiras de fóra que as galegas?
R: As do País Vasco están a 50 anos luz de nós. Nas naves teñen calefacción, que parece unha parvada, pero é moi importante, porque pasamos moitas horas sentadas, sen movernos, só a man, e non entramos en calor. No salario hai unha diferenza abismal. E as prestacións sociais para elas tamén son mellores. Teñen dereito ao paro, por exemplo, e nós non.
''As redeiras estanse perdendo porque á xente nova non lle cobre''
P: ¿Por que se fixo redeira?
R: Porque me gustaba. Miña nai quería que fora costureira, pero a min non me ía. Eu vía a xente traballar alí no peirao e encantábame e quixen ir para as redes, porque ademais pasábase e pásase moi ben.
P: ¿A súa nai era redeira?
R: Non, era costureira, igual que as miñas avoas.
P: ¿E vostede non quixo seguir a tradición familiar?
R: Non, eu quixen ir para a rede.
P: ¿A que anos comezou vostede nisto?
R: Con doce, levo 46 no oficio.
P: Toda unha vida... Pero ao principio non sería como agora, era máis complicado, ¿non?
R: Non che foi complicado, o que pasa é que nós tamén fomos un pouco deixadas. Estabamos ás ordes dos armadores, que eran os que nos dicían o que tiñamos que cobrar. Eu fun das pioneiras en empezar a pedir, porque non podiamos seguir así. O noso oficio estase perdendo porque a xente nova non se mete porque non lle cobre traballar nisto.
P: ¿Que é o peor do traballo de redeira?
R: Estar á intemperie, que nos leva a ter moitas enfermidades, como a artrose. E que non nos valoran como deberan, coma profesionais, coma se pensaran: “esas están aí porque non saben ir a outro lado”.
P: ¿E o mellor?
R: O trato coa xente. Os mariñeiros veñen do mar e cóntanche a ti o que necesitan. E o compañeirismo que hai. O traballar coa xente é moi satisfactorio. Cando estás no peirao e na nave e veñen ver como traballas, sénteste orgullosa.
12/05/2008