Protesta 'festiva' contra o Decreto de Bacharelato
14/05/2008 - A.S.R. AGN
Unhas cen persoas, entre estudantes, profesores e delegados de CIG-Ensino, concentráronse este mércores ante a Consellería de Educación contra o borrador de Decreto de Bacharelato e en demanda dunha maior carga horaria para as materias de Filosofía e Cidadanía e Historia.
Durante a protesta, os manifestantes escenificaron unha parodia consistente nunha quenda de penaltis na que músicos, filósofos, tecnólogos, historiadores e demais docentes intentaron "parar o gol que a Consellería quere meter ao ensino galego con este Decreto", indicaron.
Posteriormente, preto de medio cento de alumnos e profesores da materia de Filosofía, vestidos de gregos, ofreceron outra escenificación na que algúns deles foron "xulgados polas súas achegas á humanidade" e simbolicamente "colgados" no enreixado dos edificios Administrativos da Xunta en San Caetano.
Durante a protesta corearon diversas consignas, reflectidas tamén nas pancartas, como 'A Filosofía é necesaria. Non á perda horaria', 'Sen Filosofía non hai cidadanía', 'Filosofía ou barbarie', 'Paremos este decreto' ou 'Menos sancristía e máis Filosofía'.
Participación e diálogo
En nome dos manifestantes, o delegado nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, sinalou que a concentración pretende dar continuidade "a todas as accións que estivemos e continaremos levando a cabo" para que a Consellería modifique o Decreto de Bacharelato. Para iso, dixo que será necesario abrir vías de "participación e diálogo" e conseguir un decreto que "mellore o bacharelato no noso país", indico.
Dixo ademais que a proposta do sindicato "é razoable", que "cabe dentro do marco legal" e que pasa por excluír do currículo de Bacharelato as clases de relixión e trasladalas fose do horario lectivo ordinario dos centros. Desa forma, indicou que se podería dar unha hora máis a Filosofía e outra a Historia.
En todo caso, recalcou que a Relixión pode ser impartida para quen o desexe, pero "sen condicionar o horario de todo o alumnado do centro", declarou. Con iso, Louzao asegurou que todos os alumnos terían 32 horas de clase semanais, cunha hora máis de Filosofía e outra de Historia que as previstas pola Consellería de Educación. Só os alumnos que optasen pola Relixión terían dúas horas máis de clases á semana que o resto.
Recordou igualmente que o Decreto é "deficitario" nas materias de Música e Tecnoloxía e que non facilita que todos os centros de Bacharelato teñan que ofertar dúas modalidades. Sinalou para rematar que as protestas continuarán o vindeiro martes, coa celebración de "aulas na rúa" nos distintos centros de Secundaria galegos, así como un novo acto lúdico e reivindicativo ante a Consellería de Educación o 21 de maio.
Non podes valorar os teus propios comentarios.
Só podes valorar o comentario unha vez.
Interésanos a túa opinión, pero 'con sentidiño'. Nada de insultos nin descalificacións.
Borraranse todos os comentarios que, con criterio subxetivo como en toda web, se consideren inadecuados.
E lembra, non lles deas de comer aos trolls...
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.





