A música do filme The piano fai que o nome de Michael Nyman (Londres, 1944), fóra dos circuítos da música popular, sexa coñecido por todo o mundo. O pianista, musicólogo e compositor levará este venres ao Multiusos Fontes do Sar de Santiago un programa centrado nas melodías que completaron filmes como Wonderland, Prospero's books, The Libertine e, por suposto, The Piano, acompañado da súa banda, a Michael Nyman Band.
Ao outro lado do teléfono, Nyman responde dende o cuarto dun hotel en Italia. A música que soa de fondo chega a interferir na conversa. Tralo espectáculo de Compostela, Nyman partirá de novo cara Italia para ofrecer unha minixira de recitais, e máis adiante parará por Londres, Polonia e volverá ao país transalpino.
Pregunta: O programa do concerto inclúe só bandas sonoras, ¿será como unha proxección a cegas?
Resposta: Penso que só son bandas sonoras de películas: todo de Greenaway, The Piano, Wonderland, The Libertine... Basicamente é unha especie de resumo da miña música de 1983 á última película que fixen, que foi The Libertine.
P: É a cuarta vez que vén a Santiago, ¿que lembra da súa experiencia en Galicia?
R: Tiven unha experiencia marabillosa estreando a miña ópera Facing Goya en Santiago, penso que foi no ano 2000. Estiven alí durante unha semana ou así para ese concerto. Tiven unha grande experiencia coa estrea da ópera. Para min, é unha parte bonita de España.
P: ¿Algo especial sobre a xente ou a música de aquí?
R: Non conseguín coñecer a moitas persoas concretas, senón a un público, e recordo grande pasión pola peza. Conversei con algunha xente, con xornalistas, que estiveron intentando entender a motivación da peza, que era unha ópera bastante difícil, estraña, pseudocientífica e pseudopolítica. Era unha ópera conceptual, e a actividade no escenario non era convencional.
P: ¿Para que películas lle gustaría compoñer?
R: No futuro estou interesado en escribir música para películas moi moi intelixentes, imaxinativas, quizais de directores descoñecidos... En Inglaterra as películas españolas están representadas por Almodóvar, pero hai outros directores máis novos, que teño visto en festivais e que son moi interesantes. Hai directores como o mexicano Carlos Reygadas, para os que sería un pracer traballar. O último que fixen, hai un par de anos, foi cunha nova directora coreana [Gina Kim]. Así que parece que estou máis interesado neste momento en películas de países non tan ben coñecidos polo seu cinema.
Achegar a música orquestral ao gran público
P: ¿As bandas sonoras son a mellor maneira de popularizar a música orquestral?
R: Si, se lle dis a un rapaz que normalmente escoita 'garage' ou dj's se escoita música de orquestra, din que non están interesados, pero se lle dis "¿Viches esta ou outra peli? ¿Viches algunha de Spielberg?", respóndenche "Por suposto", "¿E a banda sonora?", "Si, por suposto", e entón dis: "Ben, iso é música orquestral". Cambia considerablemente. Así que é un xeito de abrir música clásica e orquestral, o máis brillante, poderoso, poético mundo de sons que poidas imaxinar.
P: ¿Algunha vez escoitou algún dos seus temas como ton de móbil?
R: Algúns músicos da Michael Nyman Band teñen empregado ocasionalmente música de The piano como ton de móbil. Pero temos un problema cos tons dos móbiles, porque se ten que ser un ton de móbil, preferiría que fose o meu e de ninguén máis, e nunca suxerín facer isto como unha actividade económica.
O traballo de compoñer
P: Cando compón, ¿que é primeiro: a música ou as imaxes?
R: Nunca imaxes, ás veces guión, e outras veces boas descricións do director, e ás veces só emocións, historias, a narración. Aínda que traballei con directores tan poderosos e maxestuosos como Greenaway ou Jane Campion, as imaxes nunca parecen suxerir imaxes musicais. Pero non son eu só, hai moitos compositores de bandas sonoras que non se basean en imaxes visuais.
P: Compositor de bandas sonoras, ¿é realmente unha profesión hoxe?
R: É un traballo, e creo que é un traballo importante. A industria do cine parece non estar interesada na miña música polo menos durante os tres últimos anos. Son feliz sen ser compositor de bandas sonoras, escribindo óperas, cuartetos para corda, pezas ceremoniais, concertos para violín... Estou moi ocupado fóra das películas.
Un día descubriranme e será xenial. Fago música para películas, pero quizais porque é tan boa, tan chea do carácter Michael Nyman, moitos produtores, directores e xefes de estudio veno como algo fóra das tendencias, que é o que eles teñen planificado. Eu non son un conformista. Se tes unha voz individual, un son individual, é máis difícil, para estas cousas é máis fácil ser comercial.
P: Os músicos españois empezan a despuntar agora nas bandas sonoras, ¿por que?
R: Non teño nin idea. Coñecín a Alberto Iglesias a primeira vez que vin a España en 1978, con Javier Navarrete, cando eran estudantes, e perdín o contacto, pero fan música fantástica. É moi hábil e é moi bo mantendo o equilibrio entre ser un compositor interesante e non aplastar a película.
Penso que un dos meus problemas é que a miña música é moi forte para a película, e ás veces os directores séntense eclipsados, porque a música ten un sabor moi forte, como a comida española. Hai que manter un equilibrio e xogar sobre seguro. Dende o meu punto de vista, como compositor, non me gusta apostar sobre seguro, gústame ser extremista e perigoso. Quero ser eu mesmo, e ninguén máis.
A fama do cine
P: ¿Pode saber antes de que se estree o filme se a música será un éxito?
R: Nunca se sabe. Non tiñamos nin idea de que The Piano ía ser un éxito cando a fixemos. Foi unha sorpresa fantástica para todos. Foi un éxito de público, levou moitos premios e penso que o álbum da banda sonora se converteu no máis vendido de música clásica. Iso é algo que contar aos meus netos. Non volverá suceder con ningunha outra banda sonora na miña vida.
P: ¿Necesita esta fama dos filmes para poder facer xiras internacionais co tipo de música que fai?
R: Teño que recoñecer que o que a xente sabe da miña música dos 80 é por Greeanaway e dos 90 por Campion. Estou extremadamente agradecido ao cine por darme a oportunidade de que a miña música poida ser oída en grandes escenarios, onde faga falla, por todo o mundo. A maioría dos compositores teñen unha audiencia de 200 persoas nun concerto, nun lugar nun día. É fantástico que se reproduza mecanicamente, porque pode oírse simultaneamente por todo o mundo.
P: ¿Cantos pianos emprega para esta xira?
R: Cada vez que dou un concerto toco un piano diferente. Hoxe tocarei o dun estudio da televisión italiana, é un piano que nunca toquei, e nun par de semanas farei un concerto de jazz no Festival de Navarra e tocarei un piano deliberadamente fóra de ton, pero xeralmente toco Yamahas, Steinways, obviamente, algúns son fantásticos, outros están ben, e outros non son moi bos.
O violinista leva o seu violín, o saxofonista leva o seu saxofón, pero o pianista ten que conformarse cun piano estraño, tocar un instrumento diferente cada noite que é provisto polo local, que non che pertence. E todos son diferentes, todos soan diferente, teñen un tacto diferente, hai unha relación física co teclado que fai que soe diferente.
14/05/2008