A artista norteamericana Laurie Anderson (Illinois, Estados Unidos, 1947) presentará este venres en Santiago o seu último traballo, 'Homeland', dentro da súa xira española que pasará por Granada, Sevilla e Murcia. O concerto na capital galega será a partir das 21 horas e dentro do ciclo 'Sons da Diversidade'.
Anderson combina diferentes personalidades artísticas, dende a música, poesía e recursos visuais para falar da Norteamérica de hoxe e das súas obsesións: a seguridade, a distancia, a información, a relación entre o medo e a liberdade, a aceptación da violencia e da linguaxe da guerra.
A discografía de Anderson suma gravacións como 'Big Science' (1982), onde aparece o seu exitoso 'O superman', que alcanzou o número dous nas listas de pop británicas; 'Mister Heartbreak' (1984); a banda sonora da súa película 'Home of the Brave' (1986); 'Strange Angels' (1989); 'Bright Red' (1994); 'The Ugly One with the Jewels' (1995), e 'Life on a String' (2001).
Nos seus discos teñen colaborado, entre outros, Peter Gabriel, Brian Eno, Jean Michel Jarre ou Lou Reed, líder da banda The Velvet Underground e con quen casou recentemente a artista.
Pregunta: 'Homeland' combina música, poesía e imaxes. A música non é dabondo?
Resposta: Non hai demasiados elementos visuais, realmente céntrase nas historias. Eu diría que é un terzo política, un terzo son soños estraños e un terzo de pura música. Ás veces fago espectáculos multimedia, pero esta vez non.
P: Tamén fai un retrato da Norteamérica de hoxe. Que cambios deberían producirse, ao seu xuízo?
R: Necesitamos cambiar de presidente. (Ri) É difícil cando vives neste periodo tardo-capitalista, hai moita ambición por conseguir cousas novas, e por posuír cartos. Así que as palabras son sobre cartos?, tecnoloxías, multimedia. Estou intentando contar historias sobre iso. Cal é o desexo que conduce ás persoas, que queren. Porque moita xente...
P: Anda perdida.
R: Un pouco, hai moita presión por conseguir un coche novo, unha casa nova, un novo teléfono, é agotador! Iso é o que ocorre cos consumidores de tecnoloxía... Trato de mirar iso, pero non é un ensaio sociolóxico. Non son só ideas, é música, historias. É divertido tamén, non é un como un ensaio sociolóxico.
Recital de emocións
P: Cal é a emoción predominante neste espectáculo?
R: Creo que miro o país a través dos filtros do amor e da guerra. Penso que o contraste entre eses dous elementos é o que centra o espectáculo.
P: Fala dos perigos da vida de hoxe cunha linguaxe contemporánea, pero bota man de instrumentos tradicionais, como o violín, a zanfona e o erhu.
R: Exacto. Toco unha combinación de instrumentos, de samplers, teclados, violín... En resumo é bastante tradicional, pero neste espectáculo son instrumentos intelixentes, poden facer cousas que non poderían facer os teclados normais. Pero iso non é o importante, eu necesito certa flexibilidade como música tamén, facer cousas rapidamente. Non estou tan interesada nas tecnoloxías como en contar historias do mellor xeito.
P: Como lle gustaría pasar á historia, como poeta ou como música?
R: Non teño esa ambición de pasar á historia. Só vivo e non intento formarme unha reputación, realmente intento vivir no presente. Se teño que ser lembrada por algo, espero que sexa como alguén que fixo un esforzo, que o intentou.
Ollada ao futuro
P: Que proxectos ten para despois deste concerto?
R: Primeiro, rematar o disco deste espectáculo, 'Homeland' que sairá en inverno, e despois estarei traballando en dous espectáculos para dúas persoas.
P: Acompañaráa ata Santiago o seu compañeiro, Lou Reed?
R: É a miña primeira vez en Santiago e non podo esperar! Non virá, pero atoparémonos en poucos días. Ía vir, pero tiña que facer un concerto na Ópera en Nova York en apoio aos tibetanos. Estamos interesados no budismo, así que intentaremos axudar.
P: Cal foi a evolución dende 'Big Science' a este 'Homeland'?
R: Hmm... Hai cousas que os conectan, que están simplemente producidos de diferentes maneiras, sen grandes producións, moi simples, que se axusten á voz. Son conceptuais, diría eu.
16/05/2008