Creador de Chuza!

Berto Yáñez: ''A rede galega vai medrar, pero terá que buscar vías de escape''


Etiquetas: lingua, internet, Chuza, Letras Galegas, Letras'08

17/05/2008 - A. Losada / J.Castro

Da man de Berto Yáñez (Ber.to, Aduaneiros sen fronteiras),  a rede social Chuza! converteuse nun dos eixos fundamentais para entender o presente e a evolución de Internet en Galicia.

P: ¿Como ves de saúde á rede galega?

R: Levar modelos territoriais a Internet é moi difícil e case absurdo. Un tipo de Guitiriz pode formar parte da rede española e un de Madrid pode pertencer á galega. A rede en galego é da xente que é galega, entende o galego, e quere consolidar contidos coa idiosincrasia galega... ¡o que é a cousa máis difusa que existe!

En todo caso a situación comparada con hai catro anos é a hostia. Daquela non había nada do que hai que agora. Non sei se coincidiu co cambio de goberno, ou co propio... 'futuro' que xa está aquí: mellora de comunicacións, máis conciencia social...

Tamén se nota nos proxectos que requiren cartos, só hai que ver como aumentaron os medios, micromedios ou aspirantes a medios en galego.

P: E a masa crítica tamén...

R: Si, sen dúbida. Penso que a xente se tomou en serio que isto podía funcionar tamén en galego. Consume e participa máis, sen os receos que había antes. Só hai que ver o PEGSI, as conclusións son boas abondo, no sentido de que está medrando o número de usuarios de internet. Certo que queda moito por facer, pero creo que vai na boa dirección...

Tamén hai apostas institucionais, máis 'moderniñas', non só webs presenciais, senón máis enfocadas a utilidades e axendas en rede. E son apostas que pretenden levar a internet ó mundo real e viceversa, por exemplo coa música...

Aprendizaxe
P: Aí están apostas e proxectos como 'Sonotone' ou 'A Regueifa'...

R: Si e todo iso demostra que non só aumenta a audiencia, senón que hai unha maior confianza no valor e na idiosincrasia da propia rede.

O que pasa é que aquí a alta velocidade chega só ás cidades, falta que o rural se sume a todo este movemento. Toda esa xente que se comunica habitualmente en galego e pouco conectada cos núcleos urbanos, tenderá a usar Internet dunha forma máis activa, e seguramente cun maior uso das redes sociais.

P: E de todo aquel “big bang”, primeiro co Prestige, despois coa explosión dos blogs... ¿que nos queda?

R: A primeira vista pode parecer que non se mantiveron tantas cousas, pero se nos fixamos, dos tropecentos mil blogs que había morreron moitos, pero tamén nacen outros novos.

Sobre todo, de toda aquela movida quedaron hábitos e bases para organizar cousas como 'Galiza non se vende' ou toda a mobilización de 'Reganosa'. Daquela época quedou moita aprendizaxe. Poida que hoxe non sexamos conscientes desa explosión, pero si que quedaron moitas estruturas funcionando, cunha latencia máis baixa, pero que seguen vivas.

P: ¿E o blogomillo?¿Segue vivo?

R: O blogomillo non morreu, está aí. Moitos blogs en galego, como os coñecíamos, están morrendo, pero aparecen moitos especializados, de institutos, agrupacións...

Tamén hai que considerar que agora hai mil ferramentas para contar o mesmo que antes contaba no meu blog, pero iso non significa que desapareza todo o movemento.

O blogomillo está máis disperso, pero está aí. Perdéronse blogs porque a xente xa falou, xa contou o que quería contar e agora están noutra fase, vertendo todo ese contido grazas a outras ferramentas como Facebook, Twitter ou Chuza!.

Comunidade 'autoabastecida'
P: Por certo, Chuza! tamén cambiou o seu estilo en todo este tempo...

R: Si, claro. Ó principio era un medio máis friki e agora pode ter un contido máis serio ou que tira máis a contidos  nacionalistas, ás veces máis rancio, ás veces menos rancio... Son épocas. A comunidade vai variando moito, recíclase. É a chispa que ten un medio así, que se vai movendo coas correntes...

P: Pero a  Lei de Berto nunca falla...

R: ¡Iso nunca cambia! ¡Aí estamos! (¡Mwahahaha!)  Como calquera medio que teña comentarios, non pode deixar de converterse nun medio sobre filoloxía. Pero despois das noticias e discusións sobre o galego, que son a maioría das que teñen éxito, as máis seguidas son as frikadas.

Eu estou contento con Chuza!. Dende o principio sempre houbo xente, sempre se actualizou e nunca faltaron contidos. Chuza! non ten vínculo co mundo real, porque sempre ten que haber unha referencia previa á que enlazar, pero si que hai códigos e pautas comúns que marcan o camiño, que permiten a existencia dunha comunidade, ata o punto de que en moitas ocasións esa rede se autoabastece de noticias

P: Como cando ZeroVacas anunciou o peche do seu blog hai uns días, que foi unha noticia que chegou a portada de Chuza...

Si, iso é un síntoma de que a propia rede de Chuza ou do blogomillo pode xerar noticias. Aí é onde lle vexo o nicho a Chuza!, porque non é o medio máis idóneo para falar de eventos como  o terremoto de China, por exemplo.

O galego como valor
P:
¿E cres que hoxe en día, sacar proxectos na rede en galego como Chuza! é un valor?

R: É un valor en todos os sentidos. E xa non só como valor cultural ou social, no sentido de servir de “catalizador” para outros proxectos. Senón que facelo nunha rede hiperlocal ten un montón de vantaxes: tes menos competidores para conseguir publicidade, é máis fácil facerte cunha cota decente de audiencia, coñécela mellor, tés acceso a axudas locais de forma máis directa...

Claro que se á hora de empezar un proxecto, non tes suficiente sensibilidade local, pois si que é máis tentadora a luz do mercado español ou anglosaxón.

En Menéame mistúranse españois, sudamericanos ou xente de todo o mundo... O resultado é moi, moi chulo pero e máis difícil ter visibilidade e abarcar ou lanzar novas ferramentas para unha audiencia específica.

Vías de escape
P: Iso en canto a proxectos que nacen dende cero e á marxe dos grandes grupos, ¿pero que pensas dos 'deberes' que facemos dende os medios máis 'tradicionais'?

R: Home, está claro que se producen máis contidos en galego e de moitos máis temas e non só reducidas aos 'clixés' de antes, como ''una noticia de la sección cultura va en gallego''. Agora máis ou menos faise de todo, dende os temas máis frikis aos menos frikis e con presenza en todas as redes.

Obviamente, non é o adecuado, e deberíase facer moito máis, pero si que hai apostas e cartos para emitir contidos en galego. Iso é moi importante.

P: ¿E o futuro?

R: A rede galega vai medrar, sen dúbida. É posible que chegue un momento que acabe tocando un determinado tope, pero o que lle queda é buscar válvulas de escape. Hai moitos puntos onde a rede en galego non está suficientemente madura para autoalimentarse, así que a única saída será acostumarse a consumir contidos en linguas achegadas ó galego e de paso abrirnos a eles.

¿Que che gusta Linux? Pois en Brasil hai moito contido interesante e prodúcese un montón de software. ¿Que che gustan as series de televisión? Pois tanto en Brasil como en Portugal faise moito contido. Eu son o primeiro crítico con moitas cousas dos reintegratas, porque algúns son moi pesaos, cariñosamente, claro  (risas)...

P: Iso si que é un bo titular...

R: ¡Seguro, seguro! A ver, hai a teoría de que os reintegracionistas son poucos e moi activos. Eu creo que non, que son moitos e moi activos. E hai cousas nas que hai que darlle un pouco a razón, por moito que nos supoña un proceso de asimilación e adaptación. Achegarnos a outras redes vai ser unha válvula de escape para a rede galega.

Iso e solucionar outros problemas, como conseguir máis inversión, mellores conexións, servidores baratos. Basicamente, axilizar e ter engraxadas as comunicacións que é algo básico para calquera rede.

4'9 (14 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



¿Comentas?

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>

Fotos

Berto Yáñez (Foto: Juan Castro)
Berto Yáñez (Foto: Juan Castro)