Charla cos administradores da Galipedia

''A Galipedia amosa a preocupación coa proxección da cultura galega''


Etiquetas: Letras'08, Letras Galegas, rede social, coñecemento, internet

17/05/2008 - Juan Castro

Con máis de 35.000 artigos en cinco anos de vida, a Galipedia, versión galega da Wikipedia, é a meirande enciclopedia en galego libre e gratuíta. Este é un retrato dela visto por algúns dos seus administradores*

P: Como definiriades o estado de saúde actual da Galipedia?

R: A saúde da Galipedia é boa. Superou a fase de adolescencia. Vai medrando paseniñamente en artigos pero sobre todo está centrada en mellorar a súa calidade. Todos os días se rexistran novos colaboradores.

Ademais, e en comparación con outras wikipedias, ten un número de edicións moi alto en proporción aos falantes en relación a outras wikipedias. E aínda queda moito por facer e mellorar, é a meirande enciclopedia en galego libre e gratuíta.

P: ¿Que diferencia a Galipedia doutros proxectos semellantes?

R: Pois que é en galego, esa é a diferencia máis notable. Somos unha wikipedia mediana, polo que o contacto directo entre todos os usuarios é máis intenso, pero non temos especiais diferencias con outras wikipedias do mesmo tamaño, de feito son máis as cousas que nos unen a todas: o bo que ten a wiki universal teno a galega.

Realidade galega
P:
¿Cal é a importancia do galego na Galipedia, como proxecto? É dicir, máis alá de que os contidos da Galipedia estean en galego, ¿hai unha vontade de crear e adaptar ós contidos á realidade galega (especialmente a través da lingua)?

R: No propio nome da enciclopedia aprézase esa vontade: Galipedia. O engado do prefixo amosa a preocupación coa proxección da cultura galega. A lingua é, por suposto, un aspecto importante e fai especial todo o que escribamos nela.

Hai bastantes artigos traducidos doutras wikis, pero ademais existe a vontade de adaptar eses contidos á nosa realidade e hai xa moitos artigos xerais que teñen un apartado sobre a incidencia en Galiza. Ademais, a garantía de calidade do proxecto é que moitos dos contidos de tema galego da Galipedia son os que se traducen ás wikipedias doutras linguas.

Variedades
P:
¿Como se enfocan as particularidades do galego (variedades lingüísticas, normativas...) dende a Galipedia?

R: Dende a súa creación emprégase a variedade estándar, fixada pola Real Academia Galega. Porén nalgún aspectos temos problemas en canto á terminoloxía. Nestes casos adóitanse empregar manuais técnicos que afortunadamente son cada vez máis numerosos e van solucionando os problemiñas que aparecen.

P:  Máis alá da súa función enciclopédica, ¿como valorades a importancia cultural da Galipedia? ¿Credes que actúa de 'catalizador' para a rede galega e en galego?

R: Ó principio quizabes o obxectivo era ir incorporando material, mais ós poucos o horizonte ampliouse e observouse a posibilidade de que a Galipedia puidera ser un medio para que a nosa lingua e cultura estivera presente no mundo dixital, até constituír unha ponte entre o saber inmaterial e o mundo tecnolóxico.

Tamén moitos usuarios fan un labor extraordinario de fotografar cada recuncho do país, cada monumento, cada paisaxe. En calquera caso, escóitanse máis críticas positivas que negativas.

P:
¿Cales son os problemas máis importantes cos que vos atopades os administradores da Galipedia no día a día?

R: A carga de imaxes sen licenza, a copia de material con copyright, a creación de artigos moi curtos e e tamén o de facer de xuíz nalgunhas ocasións. O máis molesto de todos é o vandalismo.

O problema do vandalismo
P: ¿Tedes que lidar con moitos problemas deste tipo?

R: Si. Hai algunha xente con tempo libre que perde o tempo en arramplar co traballo dos demais: elimina información, mete insultos ou traduce contidos a español ou a portugués, entre outras accións. Moitos usuarios gastan o tempo que podían empregar en mellorar outros artigos ou crear novos en desfacer vandalismos.

P: ¿Que tal funciona a democracia interna?

R: Democracia interna é un concepto incorrecto, xa que un dos principios da Wikipedia é que é unha enciclopedia, e non un sistema político. As postas en común sobre opinións sucédense constantemente, tanto nos artigos, como no sistema de categorización, como en normas internas e sobre diversas cousas.

Porén, hai pouca xente que participa nestes debates e bótase en menos unha maior implicación; se hai pouca xente que debata, tamén é máis fácil que se produzan conflitos.

P: Proxectos como Chuza!, parecen demostrar que a 'masa crítica' da rede galego é inferior a doutros contextos lingüísticos e culturais, pero que tamén existe unha maior cohesión. ¿Como afecta isto á Galipedia?

R:  Creo que pode ser certo o da maior cohesión, mais tamén, se xorden problemas, estes percíbense como máis complexos e difíciles de resolver. Tamén significa unha maior carga de traballo.

__________

* Respostas de Adrián Estévez e Alberte Álvarez, consensuadas por Xabier Cid, todos eles administradores da Galipedia.

3'1 (7 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



¿Comentas?

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>

Fotos

A Galipedia, coñecemento cooperativo
A Galipedia, coñecemento cooperativo