Siro López: ''Ante o humor, todos somos iguais''

Datos de interés

  • Jueves 08.01.2009

Adaptador de 'A Crise carnívora'

Siro López: ''Ante o humor, todos somos iguais''


Etiquetas: Letras'08, Letras Galegas, humor, cine, País

Anxa Correa.

Siro López é o responsable de todos os 'tacos' e as frases retranqueiras dos personaxes da película de animación A crise carnívora, que se pode ver nos cines galegos dende este venres unicamente na súa versión na lingua do país.

O filme foi producido por Continental e realizado polos estudos de animación Nicodemo, autores da exitosa serie de animación flash Cálico Electrónico, que tamén chega á pantalla grande cunha curta que se proxectará antes do pase da Crise Carnívora.

As voces da hiena, do león e das outras bestas que son incapaces de cumprir co pacto vexetariano, serán as de actores e humoristas como Manuel Manquiña, os Tonechos, Xosé Manuel Piñeiro, Antonio Mourelos e o equipo do programa de radio Corre Carmela que Chove.

Pregunta: ¿Como abordou a adaptación da Crise carnívora?

Resposta: Había un guión de Pedro Rivero, que está pensado por unha persoa cun determinado tipo de humor, e que non é precisamente igual que o humor galego. No momento en que se me encargou a adaptación desa película ao galego, entendín que non me pedían unha tradución, que para iso sería mellor buscar un filólogo, senón que o que tiña que facer era encaixar iso dentro do noso humor.

P: ¿E como define o humor galego?

R: O humor galego non é un humor de afirmacións rotundas. En Galicia somos verdadeiros mestres do eufemismo, das formas perifrásticas, da relativización de todo. Xamais nos manifestamos cunha gran contundencia.

Creo, como Castelao, que o humor en Galicia é unha elaboración intelixentísima, chea de sutilezas por parte da verdadeira entraña popular do país, dos labregos, dos mariñeiros, dos artesáns.... As circunstancias fixeron que elaborásemos un humor que fai certa esa definición de que o humorismo é a defensa dos indefensos.

En Galicia, o humorismo ten a súa manifestación máis clara na retranca, unha actitude defensiva para non comprometernos, e iso maniféstase en frases feitas, pero tamén nun estilo de dicir. Por iso se ves a versión española e logo a versión galega, a sensación que tes é de que todo se suavizou, e é verdade. Pero non foi por afán de quitarlle crueza aos diálogos, senón por poñer os tacos por necesidade e no momento en que sabemos que vai causar sorpresa ao espectador.

Galeguización do filme
P: ¿E como lles sentou este humor aos personaxes, que xa estaban creados?

R: Os personaxes creeinos eu. É dicir, os debuxos son os mesmos, pero a eses personaxes deilles outra vida ao asignarlles unha voz determinada. Nese momento, asignáballes tamén unha personalidade e, aínda que no fondo seguen sendo os mesmos personaxes, é como se lles fixeras un traxe diferente. A achega da dobraxe cambia radicalmente a personalidade de todos os personaxes.

P: A película convértese en galega...

R: Penso que si. Realmente, se a fixera dende o principio, concibiría certas cousas doutro xeito. O meu traballo consistiu en respectar o que xa fixera Pedro [Rivero], e dentro dese respecto, darlle ese espírito galego á película.

P: Facer unha adaptación ao galego dunha película que xa vai destinada a un público mozo, é unha aposta grande, cando os exhibidores non están moi polo labor de proxectar nesta lingua...

R: Eu creo que esta é unha proba de lume. Gustaríame que a rapazada respondera positivamente. Comprendo que os responsables dos cines teñan medo de poñer unha película en galego e que logo fallen os espectadores, pero ou eu son moi inxenuo ou iso non ten por que darse. Creo que os prexuízos están nos empresarios. Para min sería estupendo que a rapazada, á que está dirixida a película, enchese os cines e lles demostrase que se pode facer cine en galego, que a xente vai. O importante é que sexa bo.

Sociedade predadora
P: Esas personaxes teñen algo de caricatura?

R: Malia que levo dous anos xubilado e sen facer caricaturas, é probable que xa teña algo na mirada que me faga ver o mundo en caricatura. O que pasa é que houbo un problema técnico. A versión española fíxose primeiro gravando as voces, e logo adaptáronse os debuxos ás voces. Eu collín o texto e fixen a miña versión, pero ao chegar con Tacho [González] á sala de dobraxe, atópome que onde eu puxera unha palabra con moitas "a", o debuxo está dicindo moitas "i", e tiven que cambiar a palabra ou a frase...

P: Como describiría os personaxes principais?

R: Creo que realmente a película é unha parodia. Parte dun pacto vexetariano, polo non poden comerse uns a outros, pero non o respecta ninguén. A hiena, que é a protagonista da película, secuestra un xabarín pequeniño pero como non pode comelo, decide ir desenterrar os mortos para comelos, e resulta que os mortos xa os roubaron o león e os caimáns para papalos.

Eu creo que é un convite á intelixencia do espectador a que faga a súa interpretación do que pasa na vida real. ¿É que acaso non nos comemos uns a outros? ¿Non vemos que hai pobos que están a morrer de fame mentres outros vivimos na opulencia? Cando se está tratando de convencernos de que a felicidade consiste en ter un consumismo disparatado, poder mercar roupa a pouco prezo a costa doutros, ¿acaso iso non é devorarse uns a outros?

Neste sentido creo que a película é moi valente, moi intelixente, e que ademais vai dirixida a quen ten que ir dirixida, porque creo que este proceso de alleamento que se puxo en marcha hai moitos anos para conseguir unha cidadanía submisa probablemente onde está facendo máis efecto é na mocidade, que en lugar de ser reivindicativa con respecto á súa situación, que non é nada cómoda, se refuxia no botellón e en quedar na casa dos pais ata os 36 anos. Creo que a película, con moi bo criterio, vai dirixida a esa xente moza. Non digo que vaia facer reaxir a xuventude, pero se fai reaxir a algún, pois xa está ben.

P: Preséntase cun ton amable, pero ten unha mensaxe de fondo...

R: Ese é o gran poder da sátira. Convirte en risibles os poderosos, por iso teñen tanto medo ás caricaturas. Porque ante o humor somos todos iguais.

Incursión no cinema
P: Xa que fala de poderosos, no trailer da película imitan a Fraga...

R: Creei Corre Carmela que chove hai 16 anos, e dende entón ao programa acoden personaxes importantes como  Fraga, Quintana, Touriño (chiscadela) ...Pero estamos indignadísimos porque aquí houbo unha suplantación, por usar o argot da película, uns auténticos fillos de puta chegaron e puxéronse a imitar aos colaboradores de Corre Carmela que chove e vampirizaron as súas voces. Dende o Quixote de Avellaneda non houbo unha falsificación de tal categoría no mundo intelectual artístico en España. Son uns bandidos, uns canallas, que usurparon a personalidade desta xente e que conseguiron enganar a produtora (ri).

P: É a súa primeira incursión nun guión cinematográfico, repetirá?

R: Supoño que non, porque eu isto non o busquei. Foi unha cousa que se me ofreceu, pareceume divertido e dende o primeiro momento pensei que podía ser unha oportunidade de lucimento para Corre Carmela..., pero non creo que me volva caer nas mans unha película para facer unha versión galega. Será unha anécdota.

P: E non se ve facendo guións propios para audiovisual?

R: Hai moitos anos fixera guións para o curso de galego Imos aló, e fixera guións para Mosteiros, Lendas... Teño certa experiencia como guionista moi ácrata, escribo a man, á miña maneira. A experiencia foi moi agradable, se se repetise, estupendo, e se me pediran unha cousa propia, pois ¡eu que sei! nunca se pode dicir nada.

Creo que algunhas das cousas que teño escritas serían adaptables perfectamente para o cine. O que pasa é que eu cometín un erro na miña vida, que foi dedicarme a moitas cousas a un tempo e cando o talento é limitado, e non es Leonardo Da Vinci ou Miguelanxo, o mellor sería dedicarse a unha soa actividade. E se aínda agora que son vello abro novas portas, ¡pobre de min!

17/05/2008

5'0 (2 votos)

valorar_registrado


Acceder Crear usuario

valorar_propios



valorar_valorado



¿Comentas?

comentarios_interesa guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

co_explica





captcha

Cambiar por outro


co_pouco_html
co_etiquetas_html

Opcións

Fotos

Siro López e Tacho González (Foto: Continental)
Siro López e Tacho González (Foto: Continental)
Cartel da 'Crise carnívora'
Cartel da 'Crise carnívora'

Buscar + información sobre







Publi


Galiciae
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso