Escritor e fillo de Álvarez Blázquez
Xosé María Álvarez Cáccamo: "O meu pai conciliou a erudición coa divulgación''
17/05/2008 - Anxa Correa
O primoxénito de Xosé María Álvarez Blázquez, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, comparte co seu pai non só nome e apelido, senón a paixón pola cultura galega e a literatura. Pepe Cáccamo (Vigo, 1950) continúa unha longa tradición familiar ligada ao mundo das letras e das artes, así como ao compromiso co país.
Información relacionada
Pregunta: ¿De que maneira inflúe ou dialoga a obra do seu pai coa súa propia, especialmente en Vento de sal?
Resposta: Eu non teño moita conciencia directa da influencia que pode exercer o meu pai nas formas, pero nos contidos hai puntos en común moi importantes, de convivencia ao longo do tempo, e o meu pai é o tema de moitos dos meus libros, non só deste. A memoria do meu pai está sempre presente, de modo que nese sentido hai continuidade, porque o mundo familiar ocupa espazos decisivos: a relación de amor aos fillos, á compañeira...
P: Fálase de Canle segredo como a grande obra de Álvarez Blázquez, ¿na familia concordan ou prefiren poemarios máis persoais como Roseira do teu mencer?
R: Dende o punto de vista estritamente estético, valoro principalmente Canle segredo, paréceme o seu mellor libro, e que no momento no que foi escrito significaba un importante xiro con respecto ás liñas poéticas dominantes naquel momento. O que acontece é que tardou 22 anos en ser publicado e non exerceu naquel momento a influencia que puido ter exercido. Á marxe diso, para min é un dos mellores libros da segunda metade do século XX.
Agora, hai libros que polo seu ton emotivo, polo seu contido, como Roseira do teu mencer, aféctanme dunha maneira máis intensa, porque ese libro é unha homenaxe á miña irmá cando era nena, recén nada, á que lle hai que engadir un sentimento dramático, porque morreu 22 anos despois.
Historia dunha demora
P: ¿Qué camiño percorreu Canle segredo neses máis de 20 anos que transcorreron entre que se escribiu e que se chegou a publicar?
R: Hai varios factores que inflúen nesa demora. Primeiro, o meu pai rexeitou a oferta do Centro Galego de Bos Aires de publicar ese libro, porque prefería esperar para sacalo na súa propia editorial, en Monterrey. Pero nese momento, sobre todo a partir dos 60, entrégase con moitísima intensidade aos seus traballos de investigación, de difusión, de edición... e iso ocúpalle o tempo completo. Non é que se esqueza de Canle segredo, pero o ten en ralentí, ata que un día o redescubre, xa ten en marcha a editorial Castrelos, nun proceso brillante e moi activo, e considera que é o momento oportuno de publicalo. Non creo que fose un asunto de esquecemento, ninguén se esquece dos seus libros, sobre todo dun libro coma ese, que el quería especialmente, senón doutros factores.
P: Que había que irse buscando a vida...
R: E que andaba ocupado en tantas cousas, editando libros dos demais, e adicado á investigación no campo da lírica medieval galego-portuguesa, da historia de Vigo e ao xornalismo, ás veces case diario tamén como complemento económico para a vida familiar. Todo iso explica esa especie de hibernación do libro durante tanto tempo.
P: ¿Como definiría máis ao seu pai, como recuperador ou como divulgador?
R: Ambas cousas. O que el recuperaba ía destinado á difusión. El conciliou ademais a perspectiva de erudito coa da procura dun público maioritario. Por un lado, é editor, dende Castrelos, de libros de éxito popular, e ao mesmo tempo, en Monterrey, é un editor de ámbito restrinxido. Fai xornalismo, de divulgación, pero ao mesmo tempo, fai un tipo de investigación que só vai destinada a público de congresos ou revistas especializadas.
A Ditadura e as súas circunstancias
P: O seu pai desenvolveu boa parte do seu labor durante a Ditadura, ¿como conseguiu sortear as trabas que impoñía a mesma época?
R: Efectivamente, tanto el como outros galeguistas do seu tempo xogaban ao límite. No caso do meu pai, sendo reprimido el persoalmente como mestre, desterrado a Castela, e ademais fillo dun fusilado do 36, é digna de aplauso esa posición de resistencia activa, prudente pero resistente tamén, e moi lúcido dende o punto de vista político.
P: O seu pai escribiu a maior parte da súa narrativa en castelán e con notable éxito...
R: Son obras escritas todas elas nun período moi curto de tempo, entre 1945 e 1956, é dicir, inmediatamente despois da guerra, e nun momento no que escribir e publicar en galego era algo inconcibible, e menos para el, que era un galeguista sinalado. Ademais pensou que a través da narrativa en castelán e da novela sobre todo, podía obter un beneficio económico como complemento ao soldo que tiña polo seu traballo burocrático.
Por outra banda, na súa xeración a conciencia de escritor monolingüe non estaba tan afianzada, como empezou a acontecer despois coa xeración de Mendez Ferrín. Supoño que non consideraría o castelán como lingua allea aos seus intereses e á súa formación. Son perspectivas socioculturais distintas.
Difusión da cultura galega
P: Partindo do espírito divulgador de Álvarez Blázquez, ¿cre que o Día das Letras está a cumprir ese papel difusor da cultura?
R: A verdade é que como o estou a ver moi dende dentro, e moi implicado, teño unha perspectiva este ano moi positiva. Tanto eu como os meus irmáns estamos non só emocionados, senón implicados, en todo este proceso, que non é só un día, son meses e meses. Non sei se porque é unha figura que dá moito de si ou porque suscita o interese de xentes moi variadas, dende arqueólogos a investigadores da lírica medieval, amantes da poesía, nenos..., vexo que efectivamente neste ano está prolongando os propios desexos do meu pai de difusión da cultura.
P: Pero algo falla cando un autor tan polifacético e que soubo popularizar a cultura galega a través de Monterrey e Castrelos, non é tan coñecido polo público xeral...
R: Si, claro, pero iso pasa co meu pai, e pasa con todos os escritores. A literatura, e non digamos a investigación, son produtos de difusión minoritaria. Outra cousa é que determinados libros que el publicou a través dos Libros d'O Moucho, tivesen éxito, cun público ávido de saber e de movemento cultural que había naquel momento. Hoxe é moito máis difícil, sobre todo abafados como estamos pola televisión, pola cultura de masas (por chamarlle cultura), por produtos pseudoculturais de masas...
Debate lingüístico
P: E este tipo de iniciativas, ¿como cre que está repercutindo no futuro da lingua?
R: Isto que había que unilo a outras iniciativas e o poder político tiña que empeñarse moito máis. O futuro pasa pola normalización do idioma, por evitar a perda de falantes, algo no que tamén ten que implicarse a vontade colectiva. O que me produce máis medo é como en certos tramos de idade desaparece o idioma, e como os pais o abandonan no ámbito familiar.
Parece sorprendente que a estas alturas saian por aí colectivos supostamente bilingües que en realidade están agochando a súa propia práctica monolingüe en castelán... Os autenticamente bilingües en Galicia somos aqueles que habitualmente falamos en galego, e cando o precisamos, somos capaces de falar en castelán.
P: ¿Amósase optimista?
R: Como non son sociólogo, non teño armas suficientes para saber que pode ocorrer no futuro. Hai días nos que un se sente optimista, porque ve determinados síntomas bastante luminosos, e hai días en que isto parece perdido. Non o sei, hai que utilizar o optimismo da razón, e da vontade, porque só dende aí podemos contribuír a que o proceso de normalización se consolide.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.










