A faceta editorial de Álvarez Blázquez

Castrelos, a semente da edición galega moderna


Etiquetas: Letras'08, Álvarez Blázquez, Letras Galegas, libro, Vigo, lingua

17/05/2008 - Anxa Correa

O Día das Letras Galegas servirá este ano para coñecer a figura que se agocha tras o éxito editorial das coleccións O Moucho e Pombal, eses libros pequeniños e ilustrados do Catecismo do labrego ou do Follas Novas de Rosalía con tapas azuis que habitan en boa parte das casas de Galicia dende os anos 70.

Foron precisamente esas coleccións pertencentes á editorial Castrelos, fundada en 1967 por Xosé María Álvarez Blázquez, as que obraron o 'miragre' polo que as tiradas do libro galego pasaron dos 300 aos 3.000 ou mesmo aos 5.000 exemplares.

Así o lembra o escritor Darío Xohán Cabana, que traballou xunto a Blázquez nesta aventura dende o ano 71 ao 75. "Foi o primeiro editor autenticamente comercial en Galicia", asegura Cabana, que entrou na editora tras vender exemplares do Moucho polas feiras cunha furgoneta. "Como comía pouco e estaba moi fraco, Xosé María debeuse compadecer de min. Ao principio era para quedar uns meses a preparar un dicionario, pero os meses convertéronse en catro anos".

Álvarez Blázquez traballaba polas mañás como profesor de cultura xeral na Escola Náutico Pesqueira de Vigo, e polas tardes, dedicábase a compilar as obras, preparar as edicións, facer paquetes, facturas, revisións de depósito e todo o volume de traballo que supoñía mover miles de exemplares de libros por 230 puntos de venda por toda Galicia. Cabana reforzou estas funcións.

Récord de vendas do libro galego
Unha das maiores conquistas do intelectual tudense foi "romper os teitos de venda do libro galego", defende Darío Xohán Cabana, quen debido aos seus antigos labores pode enumerar de memoria as cifras récord conseguidas polo editor. "O Catecismo do labrego vendeu 20.000 exemplares nu ano, e en total, uns 70.000 exemplares, que foron lidos por 500.000 persoas".

Botando a vista atrás, o autor de Galván en Saor compara os "300.000 libros impresos en lingua galega en toda a súa historia ata 1967" cos "600.000 vendidos por Castrelos na década seguinte".

"E non eran baratos", engade o que fora axudante de Blázquez en Castrelos. "Aqueles libriños pequenos do Moucho custaban 30 pesetas, que era o que se pagaba daquela por comer nun restaurante obreiro".

Responder ás necesidades históricas
Cabana sinala que o grande acerto de Blázquez foi detectar a finais dos 60 o cambio histórico que se estaba a producir naquel momento e unha crecente demanda de libros en galego para un público máis amplo como forma de resistencia ao Franquismo.

"O nacionalismo galego organizábase de novo, o Partido Comunista constituía unha sección galega, había un movemento agrario importante, visible na oposición ao encoro de Castrelo de Miño e un movemento obreiro que incorporaba a lingua galega. A isto había de sumárselle a revolta estudantil do 68; Castrelos respondía a estes tempos", resume.

O éxito débese a esta "resposta a unha necesidade histórica", á escolla dos títulos populares e a "un traballo comercial moi serio". O editor Manuel Bragado indica que 'O Catecismo do labrego', "primeiro best seller galego", fora proposto por Xosé María Álvarez Blázquez a Galaxia, cando este aínda non tiña a súa editora, pero o histórico selo considerouno "un libro afuncional á súa estratexia".

"Galaxia editara Cantares gallegos no 63, pero nunca Follas Novas ou a Curros, malia que tivo a oportunidade", observa o director de Xerais. De Follas novas, Blázquez chegou a vender 15.000 exemplares na colección Pombal, e de Aires da miña terra, de Curros Enríquez, a mesma cifra coa que converteu a Pondal, considerado ata entón un poeta minoritario, nun "grande éxito popular". "Álvarez Blázquez buscou o público e atopouno aumentando os puntos de venda, tamén populares", di Bragado. Así, o libro galego pasou de venderse en 30 ou 40 librerías do país a máis de 230 puntos de venda, que incluía ferreterías, tendas de aldea e feiras, segundo lembra Víctor Freixanes, actual director de Galaxia.

Tal como indica Freixanes, Galaxia, Castrelos e Ediciós do Castro formaban parte "dunha mesma familia" que traballaba a prol da cultura galega, aínda que con estratexias e estilos diferentes. "Galaxia buscaba un público pero cunha fórmula máis selectiva ou elitista, e Castrelos ía pola vía do mercado popular, mentres que Do Castro estaba máis próxima ao mecenado", distingue.

"Blázquez pertence a unha xeración de precursores resistentes da realidade do libro actual", asegura Freixanes, quen lembra a semente de Ánxel Casal coa editorial Nós, e máis tarde a Galaxia e Castrelos como "bases do libro galego moderno". Bragado cre que foi Castrelos a que recuperou o "fío das editoriais de catálogo truncado pola Guerra Civil coa desaparición de Ánxel Casal e da editorial Nós".

Traxectoria editorial

Cabana lembra que Blázquez montou Castrelos por amor á cultura galega, si, pero tamén "porque precisaba vivir dalgo". No 66 marchara para Oviedo, pero por causas persoais tivo que regresar a Vigo, onde deixara o seu traballo como secretario na Confraría de Pescadores. Foi entón cando naceu Castrelos, cun capital de 300.000 pesetas achegadas polos irmáns Álvarez Blázquez.

Blázquez xa tiña experiencia no mundo editorial, xa que colaborara de preto con Galaxia. "Colaborou nalgúns libros e proxectos importantes, como as antoloxías de poesía medieval ou dos Séculos Escuros, pero el ten a súa propia liña de actuación como editor", di Freixanes. Segundo Cabana, Galaxia acabaría converténdose na "competencia" e posteriormente Castrelos "amosou o camiño á comercialización ao resto das editoras galegas".

Bragado sinala dúas etapas fundamentais do Álvarez Blázquez editor. Primeiro, a da editorial Monterrey, nos anos 50 nacida ao abeiro da librería anticuaria homónima fundada xunto a Viñas Cortegoso no ano 48, e caracterizada por un aspecto máis "bibliófilo". "Alí fixo algúns dos libros máis bonitos que se teñen feito na edición galega dos difíciles anos 50", considera o director de Xerais.

A editora botou man do seu labor erudito para sacar á luz obras dos Séculos Escuros, como o Entremés famoso sobre da pesca do río Miño, pero tamén publicou obras de Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, e do propio Blázquez, como Roseira do teu mencer, ademais de permitir ler os primeiros exemplos da Nova Narrativa Galega, con Nasce un árbore e Memorias de Tains de Gonzalo R. Mourullo.

Xa no 67, Castrelos presenta uns libros que "sen ser tan fermosos, adoptaban un modelo de libro de peto, que se estaba desenvolvendo en Europa, e imitando Pombal á colección Austral", asegura Bragado.

Nesta etapa publica algúns clásicos da literatura galega e popularizou títulos como Adiós, María, de Xohana Torres, descubriu a novos autores como Alfredo Conde, e publicou obras inéditas de Méndez Ferrín, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro ou Neira Vilas, entre outros. "Principalmente, eran libros de orixe e contido popular e para a súa popularización", salienta Cabana.

Herdo

Xa con 64 anos, Álvarez Blázquez "séntese canso e enfermo", polo que decide vender os fondos de Castrelos a Galaxia. Ademais do seu estado físico, estábanse a producir cambios políticos e tecnolóxicos que requirían unha renovación editorial. Segundo lembra Cabana, "comezaban a informatizarse as editoras en Galicia, e se aproximaba unha maior demanda, polo que se requiría diñeiro para as reformas". Daquela apareceron novas editoras, como Xerais, Sotelo Blanco ou Ir Indo.

Blázquez vendeu a Galaxia o selo co desexo de que continuase co seu labor e por ser "a editorial que naquel momento avanzaba con máis forza", afirma Freixanes. Porén, lembra que "as editoriais son os seus editores e cada un ten o seu propio estilo", polo que se "seguiron publicando algúns exemplares máis do Moucho, pero perdéronse ou non se renovaron os dereitos de moitos títulos, e outros integráronse no fondo da propia editorial".

Malia esta "liquidación" do selo que popularizou o libro galego, os editores actuais séntense debedores do labor de Álvarez Blázquez neste eido.

Bragado mesmo chega a declarar "humildemente" a Xerais como "sucesora de Castrelos, con máis ambición pero cun espírito de forxar unha sociedade lectora". Nos últimos 30 anos, o sector "evolucionou moito", e aínda que as tiraxes xa non chegan a eses 3.000 ou 5.000 exemplares, senón que quedan nos mil e pico, "multiplicáronse os títulos editados". E aínda que xa non se deixa ver por feiras e ferreterías, o libro galego conta con "150 puntos de venda fixos e 300 de venda estable". Bragado imaxina que o panorama actual "sería un soño para Álvarez Blázquez".

5'0 (2 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



¿Comentas?

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>

Fotos

Logo de Edicións Castrelo
Logo de Edicións Castrelo
X. A. Blázquez (Fotos cortesía de Celso Álvarez Cáccamo)
X. A. Blázquez (Fotos cortesía de Celso Álvarez Cáccamo)