ENTREVISTA
Pilar Pin: ''Foi o mandato máis frutífero polo apoio que tiveron as propostas chegadas do exterior''
21/09/2011 - Martín G. Piñeiro / LV. De luns a venres
PREGUNTA: ¿Que balance fai destes dous anos na secretaría xeral a nivel persoal?
RESPOSTA: Eu continuei cunha serie de políticas importantes que me quedaron feitas de antes, como desenvolver o Estatuto da Cidadanía Española no Exterior, implantar a Lei de Memoria Histórica, as pensións e asistencia sanitaria para maiores de 65 anos que non a tiveran... E todo isto produciuse ademais nun momento de despregamento asociativo da cidadanía española no exterior, con moita actividade e demanda de cousas. Así que fun afortunada, porque vin o froito do traballo feito antes por xente como Agustín Torres, Consuelo Rumí, etc.
P: Logo gustoulle o departamento...
R: Si. Estou moi agradecida a esta etapa, porque é un posto no que traballas directamente coas persoas. E podes ver directamente o resultado da actuación política.
P: Coma nun concello...
R: Igual. Coa mesma proximidade. Eu procurei manter esa proximidade, sempre con dous elementos que marcaron as miñas viaxes: a demanda estrita da xente e o cumprimento das obrigas legais do cargo.
P: ¿Con que fito se queda nestes dous anos?
R: Hai moitísimas cousas. Pero penso que coa creación da Consejería de Trabajo e Inmigración en Cuba, aprobada o pasado 19 de agosto. Quedo con iso.
P: ¿Por que?
R: Polo simbólico. Porque o número de españois na illa aumentou un 40%. Cuba merecía algo así, con todo o que iso implica. Representa para min a demostración de que aínda en período de crise, desde o meu departamento se aposta por seguir avanzando en políticas asistenciais e de apoio aos que máis o necesitan.
P: ¿Algo máis?
R: Tamén foi importante nesta mesma liña reabrir algúns consulados pechados noutras épocas.
P: ¿E que tal a resposta dos españois do exterior?
R: Persoalmente estou moi agradecida a todos eles: asociacións, persoas, institucións... Todos me permitiron levar adiante programas moi ambiciosos, en ocasións con moi poucos recursos, pero que deron un resultado espectacular. Iso débese a eles.
P: ¿Que marcou a axenda da secretaría xeral nestes dous anos?
R: Fundamentalmente, os debates e propostas dos plenos do Consejo General da Cidadanía Española no Exterior. Precisamente estes días celébrase o quinto pleno, que pon punto e final ao quinto mandato, o máis frutífero de todos, porque nesta etapa as propostas do Consello tiveron un apoio e unha vontade política total, o que permitiu levar adiante temas moi importantes.
P: ¿Como cales?
R: A Lei de Memoria Histórica, que fai xustiza aos que perderon a nacionalidade pola guerra e o exilio, e cuxo plazo de implementacion finaliza este ano.
P: ¿Había moitos españois nesa situación?
R: Remataremos a aplicación da lei cuns 200.000, máis ou menos.
P: Falou de proxectos importantes en plural. Cite outros.
R: O Estatuto da Cidadanía Española no Exterior, aprobado en 2007, foi un pouco o que marcou o traballo a seguir en xeral. Ata entón, había leis sectoriais para abordar a emigración e os españois do exterior, pero a partir do Estatuto tense en conta o español do exterior como un todo, un conxunto non só formado por emigrantes, senón por estudantes, empresarios, cooperantes, etc... Ademais, está formado por representantes elixidos nos Consellos de Residentes (CRE), comunidades autónomas, asociacións, federacións, polo que o pleno do Estatuto ten unha representatividade total. E un funcionamento moi áxil, efectivo e transparente.
P: ¿E de cara ao futuro?
R: Pois tamén impulsamos acordos bilaterales en materia de Seguridade Social, acordos que están empezando a funcionar e que crean un españo de protección social que pode cubrir potencialmente 600 millóns de persoas, sendo o maior do mundo.
P: ¿En qué consiste?
R: Pois unha persoa que iniciara a súa vida laobral en México, pasara por Brasil, España, etc... pode acumular as cotizacións destes países. Algo que xa había con algúns, pero que agora se está a promover con máis. Cando non había eses acordos, freábase moito a mobilidade laboral da xente. Hai que seguir avanzando neste aspecto. España e Portugal impulsaron a medida e Brasil e Bolivia foron os primeiros en acollerse.
P: ¿E que se debaterá no último pleno do Consello?
R: Elixiranse os novos conselleiros xerais para o novo mandato e haberá que facer xustiza coa xente que formou o consello todos estes anos. Foi un exemplo de participación, consenso e funcionamento nunha etapa de moitísimo traballo, de moitísima actividade. A min tócame facer balance, pero o balance non é máis que o sumatorio do esforzos poíticos e institucionais do Goberno de España durante dúas lexislaturas e do propio Consello.
P: ¿Cal é a situación actual da emigración española?
R: Pois acabo de encargar un estudo para determinalo. Porén, as primeiras indicacións dinnos que os españois fomos sempre xente de grande mobilidade. Neste momento, dentro de Europa a xente móvese con total facilidade, e a iso non se lle pode chamar emigración. Son proxectos de vida ou profesionais: estudantes, erasmus, empresarios... E sabemos que outros países elevaron o censo de españois pola Lei de Memoria Histórica, pe permitiu aflorar algo que había oculto: un 40% máis de españois en Cuba, un 30% en Venezuela. Pero iso tampouco é emigración. Hai que abordar iso de forma diferente. Hoxe pasamos da emigración ao cidadán español que se move polo mundo.Non hai que esquecer que, segundo varios estudos e seminarios, a razón fundamental do mundo para emigrar é o amor.
P: ¿E saben xa como afecta a crise a este fenómeno?
R: Pois tamén nese sentido. Houbo moitos estranxeiros que viñeron a España e eles e os fillos lograron a nacionalidade. Agora, coa crise, regresan aos seus países. E iso nas estatísticas figura como españois que marchan fóra.
P: ¿E como afecta aos españois que están fóra?
R: Depende. Nós temos varios programas de asistencia para xente en apuros, sobre todo a partir do decreto de 2008, que di que todo cidadán español maior de 65 anos que esté en necesidade poida dispoñer de pensión e asistencia sanitaria. E podemos dicir que neste momento, con claridade e números na man, non existe no mundo ningún español maior de 65 que non teña algún tipo de pensión e asistencia sanitaria. E iso continuarase. Pero por outra banda, os españois que están en países con economías emerxentes, onde a crise non afecta tanto, viven outra situación. Eses países, ao medrar, tamén aumentan as prestacións e a cobertura social para os españois que residen alí. Así que se teñen apoio do país de acollida, non precisa a axuda española. Así que son as dúas caras da crise.
EMIGRACIÓN GALEGA: "Se volvemos todos xuntos un día, non collemos"
P: ¿Hai algunha particularidade que identifique ou diferencie a emigración galega e os galegos no exterior?
R: A comunidade galega, xunto coa Canaria, é das máis organizadas. Segue a ser a de maior coherencia organizativa e maior estrutura de funcionamento, pero afronta unha etapa de transformación.
P: ¿En que sentido?
R: Pois que durante cen anos houbo moita xente activa, pero agora poucas persoas queren coller a remuda deses centros. Compételle á Xunta facer unha aposta pola reconversión de centros galegos e asociacións. E facelo como o fixo o Goberno de España, desde un criterio de sostenibilidade.
P: Fala de sostenibilidade económica...
R: Si. Que á hora de promover proxectos e axudas, se teña en conta a súa sostenibilidade financeira. A min pedíronme abrir un centro de día en Alemaña. ¿Debo facer iso cando a rede social dese país está ao mesmo nivel ou superior a España? Non. O que debo facer é chegar a acordos con eses países para conseguir dar aos españoles do exterior o que é apropiado para eles. E a fórmula, moitas veces, é integrándoos no país, a nivel individual, colectivo, etc... Hai exemplos estupendos diso nestes últimos anos.
P: Sería interactuar co país de acollida.
R: Claro. Fomentar esa interactuación tamén é un reto para nós. Que o país poida dar servizo aos españois e galegos que están alí, pero tamén que ese país se poida beneficiar da comunidade galega e dos seus proxectos.
P: ¿Cómo?
R: Xa dixen que había bos exemplos. No caso das políticas españolas en materia de protección a vítimas da violencia de xénero, os proxectos de comundiades galegas e españolas no exterior serviron de exemplo para países como México, por pór un exemplo. E tamén houbo casos similares en políticas de formación.
P: E a emigración lucense... ¿tamén ten algunha particularidade?
R: Non dunha forma específica. O que si podo dicir é que sempre aparece xente de Lugo en todos os sitios. Para eles é unha alegría grande, sobre todo cando ven unha persoa que vai en representación de España agradéceno dunha forma especial.
P: E a concentración de galegos fóra, ¿segue algún patrón?
R: Moitos están en Europa. Pero hoxe, coa UE, as súas circunstancias son diferentes. O resto, pois en América Latina, claro. Pero galegos hai en todas partes. Sempre digo que se tiveramos que volver todos xuntos un día, non colleriamos.
P: Parece que o tópico do galego na lúa se cumpre...
R: Dou fe. É algo tremendo. Estamos en todas partes.
P: ¿Apreciou un sentimento galego na segunda e na terceira xeración de emigrantes?
R: A identidade é algo que un constrúe e acepta, ou non acepta. Un pode nacer en Galicia, vivir en Galicia e non ter sentimento galego nin loitar pola identidade galega. No exterior a identidade galega é fortísima, iso si que o apreciei, pero a española tamén. E non son excluíntes.
P: Entón, hai netos de galegos con sentimento galego.
R: Si. Atopas galegos en terceira e cuarta xeración. Iso non vai na distancia nin no tempo. Se aquí naces en Galicia, tócache ser galego. Para eles, o bo é que poden elixir.
P: Este debate deu lugar, moitas veces, á polémica do voto emigrante.
R: Penso que foi unha cuestión interesada no seu día, fomentada por aqueles que non tiñan resultados electorales axeitados. Fálase moitas veces de fraude no exterior, o que me doe bastante, porque coñecendo a fondo iso, penso que non houbo máis fraude do que podía haber aquí. ¡E só hai que ver as denuncias por carreteos!
P: Pero agora reformouse a lei electoral.
R: A lei fixo algo baixo o meu punto de vista bo. Dixo que nas eleccións locais tiña que primar a municipalidade, a veciñanza, a proximidade. Era unha situación normal en toda Europa. E logo, nas autonómicas e xerais, prima a cidadanía. E logo, como se cuestionou o voto, pois acordouse un procedemento maís garantista: que sexa o elector o que leve o voto.
P: E parece que non deu moito resultado.
R: Porque o procedemento elixido foi un pouco complicado, similar ao noso voto por correo, no que hai que acreditarse ata tres veces. A eles pasoulles o mesmo e, por riba, sen apenas tempo para explicalo.
P: ¿Tivo vostede queixas por iso?
R: Si, moitas. De colectivos, representantes dos CRE... Iso ocasiounou a baixísima participación de apenas o 3,6% nas últimas autonómicas. Agora traballamos nas xerais para que a xente coñeza o procedemento.
PERSOAL: "ENCÁNTAME A DINÁMICA DA SOCIEDADE CIVIL ARXENTINA"
P: Veu a Galicia entregar as medallas de honra da emigración aos fotógrafos Virxilio Viéitez e Manuel Ferrol. ¿Que tal o acto?
R: Moi íntimo e moi agradable. Era algo que había que facer, pola emigración, pola testemuña que deixaron.
P: A fotografía de Manuel Ferrol, do pai co neno no porto da Coruña, é a imaxe por excelencia da emigración.
R: Si. E a familia do fotógrafo contoume a historia. Resulta que a familia se despedira antes, para non facelo no peirao, pero o neno escapou da casa, foi alí e atopou o pai. E Ferrol capta ese instante xusto.
P: ¿Cantos países visitou nestes dous anos?
R: Moitos. Non levo a conta, pero loxicamente foron moitos quilómetros. Pero en parte é comprensible: as persoas para as que eu traballo están fóra e mal se entendería que a responsable da cidadanía no exterior estivera no seu despacho en Madrid, sen escoitar as preocupacións ou coñecer os problemas in situ.
P: ¿E con que lugar queda de cantos visitou?
R: Encántame vivir a dinámica da sociedade civil arxentina, que me chamou poderosamente a atención. Hai que vela. ¡E iso que custa moito entrar nela!
P: ¿Que destacaría de Uruguai?
R: A súa cercanía.
P: Brasil.
R: O ímpetu da nosa colectividade. E teño especial cariño á xente de Río.
P: Venezuela
R: Xente moi loitadora.
P: Chile
R: Un referente para min, porque nestes últimos anos sempre estiveron á sombra de Arxentina. Agora, recoñecían o noso traballo por facer visibilizar o seu labor.
P: México.
R: O triunfo sobre a historia do exilio.
P: Cuba.
R: A perseverancia e a moral. Con Cuba pásame algo curioso: nunca está lonxe. É como ir a Londres ou Porto. Forma parte de nós.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.










