O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, manifestou hoxe que é "inasumible" un atraso de dous anos na posta en marcha do AVE Santiago-Ourense. Este é o prazo que calcula o Ministerio de Fomento para cambiar o trazado actual e evitar a mina de Serrabal, en Boqueixón.
O presidente lembrou que existe un estudo "rigoroso" por parte do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), no que se indica que o ferrocarril apenas afectará á mina. Touriño aceptou que este informe se vaia contrastar, avaliando "ao máximo o impacto sobre o emprego", pero asegurou que "debe prevalecer a vontade de que non haxa retrasos".
Touriño destacou a vontade de diálogo mostrada polo ministerio de Fomento, pero insistiu nunha "solución rápida" sobre este trazado. O titular do goberno galego reclamou que se garanta o interese xeral da cidadanía de que "non existen retrasos significativos nin inasumibles".
O presidente da Xunta descartou falar de ningún outro estudo, como o que mencionou onte o conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, porque "non é cuestión de entrar a valorar informes ou contrainformes", máis aló do marco de diálogo existente e do obxectivo da Xunta de non admitir atrasos nesta infraestrutura