Literatura
Marcos S. Calveiro métese no mundo da edición do XVII con 'Festina Lente'
20/06/2008 - Anxa Correa
Gañou o Premio Ala Delta de literatura infantil e xuvenil con O carteiro de Bagdad. A este público vai dirixido tamén Rinocerontes e quimeras, así como Sari, soñador de mares. Agora, Marcos S. Calveiro vén de publicar a súa primeira novela para adultos, aínda que, como recoñece o propio autor, as fronteiras que separan os lectores de diferentes idades son difusas. "Pola estensión e a complexidade, require un público máis adulto, pero podería lelo un adolescente sen problema", aclara.
Tal como a describe o propio escritor, Festina lente adscríbese ao xénero histórico: "Narra a vida dun encadernador na Compostela dacabalo entre os séculos XVI e XVII".
A través do protagonista, Ambrosio Cabaleiro, o lector poderá coñecer a vida dun aprendiz de encadernador en Santiago ata o final dos seus días. "É un gran fresco histórico sobre o mundo do libro, dos tipógrafos e das imprentas en Santiago naquela época", explica Calveiro, que mantén na rede o blog Alfaias.
Nese contexto, non son secundarias as historias da Inquisición, dos libros prohibidos e expurgados. "A miña idea inicial era un pequeno libro en primeira persoa, un diario íntimo dun encadernador, con poucas referencias históricas". Pero despois de documentarse sobre a época, o escritor sentiu a necesidade de narrar algunhas das historias reais que se deron naquel momento na capital galega.
A 'autocensura' editorial
Marcos S. Calveiro salienta que na obra se fale dos libros como "fonte de coñecemento e liberación", especialmente "nos tempos de intolerancia que vivimos, non só no mundo islámico, senón tamén no occidental".
"Xa non temos unha Inquisición, pero temos a corrección política que case é como o Santo Oficio", engade. "Hai tal autocensura por parte dos escritores, o mundo editorial, os lectores e os medios, que por correción política, libros que foron publicados hai séculos, hoxe non se publicarían", conclúe.
O valor sacro da palabra escrita
Cando se lle pregunta cal foi o descubrimento máis sorprendente que se atopou entre os documentos do século XVII, Calveiro non o dubida: "o fundamental é o valor sacro que tiña a palabra escrita". "Documentábase practicamente todo, aínda que a poboación non sabía ler e escribir, ou precisamente por iso", engade o autor de Festina lente, quen atopou "normas sobre o prezo ao que tiñan que vender os zapateiros, ata o materiais que podían empregar", di sen deixar de lado a súa faceta como xurista.
Todas estas historias, como a existencia dos fogos do Apóstolo ou a celebración das corridas de touros na praza do Obradoiro, están presentes dalgún xeito na novela.
Calveiro presentou o seu novo libro na librería Couceiro, a carón do obradoiro de encadernación do último andar. Baixando as escaleiras, o propietario da librería, Xesús Couceiro, outro amante dos libros, amosa un exemplar das Actas do Reino de Galicia de 1679.
Non podes valorar os teus propios comentarios.
Só podes valorar o comentario unha vez.
Borraranse os comentarios que conteñan insultos e/ou contidos inadecuados.
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.












