De pixamas e libros
24/06/2008 - Rosa Aneiros
Shmuel vestía un pixama de raias e tiña a cabeza afeitada. Os pixamas son roupa cómoda e divertida que nos prepara para o sono pero non así para Shmuel. El non semellaba un neno feliz. Ou iso lle pareceu a Bruno, o protagonista do libro O neno do pixama de raias de John Boyne. Ese libro azul estaba alí deitadiño no andel da biblioteca municipal de Gondomar disposto a que calquera pícaro con pixama quixese collelo e mergullar na súa historia. Porque a noite do sábado 21 de xuño, o mesmo día que comeza o verán, a biblioteca de Gondomar non quixo ficar en silencio. Dúas ducias de nenos e nenas con pixama ávidos de palabras e contos enchérona de murmurios e gargalladas. Tratábase da primeira noite na biblioteca, unha iniciativa pioneira en Galicia organizada polo colectivo Espazo Lectura para nenos de entre 6 e 11 anos. Coa caída da noitiña chegaron os cepillos de dentes, os contacontos, o teatro, o recital de poesía e música, as cubertas dos libros enriba das colchonetas e as lanternas nos sacos para devorar historias. Toda unha marea de vagalumes a alumear os estantes dos libros mudos. Logo, co mencer, espreguizaron os xogos de pistas, os tesouros de moedas de chocolate e os biscoitos do almorzo. No medio, por suposto, pouco sono e moitos soños. Porque así son os libros, unha experiencia íntima que pode ser compartida, como todas as ilusións. Non é un deber da escola senón un divertimento. A Shmuel, aquel neno do pixama de raias de Boyne, roubáranlle o futuro e as palabras pero el, convertido en libro, puido contar a súa historia a outro neno con pixama. E ese lector ou lectora puido comprender así por fin por que non todos os pixamas serven para soñar.
Non podes valorar os teus propios comentarios.
Só podes valorar o comentario unha vez.
Interésanos a túa opinión, pero 'con sentidiño'. Nada de insultos nin descalificacións.
Borraranse todos os comentarios que, con criterio subxetivo como en toda web, se consideren inadecuados.
E lembra, non lles deas de comer aos trolls...
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.







