Polémicas literarias con mamá
01/07/2008 - Jaureguizar
Manuel Rivas é home pausado e pouco inclinado ás leas. Malia todo, non deixa de verquer a súa dóse de crítica endozada de humor nos seus artigos. O xornalista Xosé Manuel Pereiro —irmán de Lois, poeta ao que debemos unhas Letras—,sinalaba o outro día que «descubrín un Manuel Rivas rabudo dende que empezou a escribir en galego; segue mantendo o optimismo e o orgullo de cando escribe en castelán, pero en galego ten un punto rabudo que eu non lle coñecía».
O pasado luns Rivas presentou os seus ‘Grouchos’, onde escribe nese galego bonito e retranqueiro, cun aperitivo en Santa Cataliña da Armada. No xantar que veu a seguir, apuntou que «este país non está preparado para as polémicas, a xente confunde o que ti opines sobre a súa obra ou sobre as súas afirmacións cun ataque persoal».
O noso sistema literario é moi medorento co debate por unha lei moi sinxela: se criticas negativamente a obra dun autor ou rebates algunha das súas opinións, vas atopalo sentado enfronte de ti na mesa no vindeiro xantar ao que acudas. Interiormente estará dando un repaso á túa familia, malia que non a coñeza, e exteriormente, falando sobre o viño con outros comensais. Na hora dos cafés, cando a xente se vai erguendo dos seus sitios para saúdar, aparecerán os inimigos inconfesos do atacado para pasarche a man polo lombo e confirmarche o que eles non se atreven a dicir en voz alta ou a escribir co seu nome. «Xa sabes que este país é moi pequeno», adoita ser o argumento tras o que se parapetan os que non se pronuncian.
Por todo comentario para prender unha polémica temos o xogo das referencias. «Hai un anormal na Academia», comentábanme que escribira un colega cun cripticismo que renunciei intentar deducir. Xosé Carlos Caneiro escribía recentemente que «en moitos dos meus premios en derrota aparece repetido o nome dalgún membro do xuri (ou debo dicir ‘membra’?) Nunca dubidei da limpeza de todos os xurados que premian a literatura galega e asumo que a miña literatura nunca gozará do afecto dalgunha ‘pope’ da nosa narrativa». Caneiro confirmaba así que «nunca dubidou» da limpeza dos xurados.
Caneiro mantivo unha polémica con Rivas o mes pasado, pero a cousa logo morreu. Leva razón Rivas, este país non está preparado para polémicas. Tampouco a literatura en si semella moi preparado para polémicas. O único escritor que nos dá espectáculo nese senso é Houellebecq. Non se pode dicir que el non teima nos enfrontamentos. Por Google adiante andan a súas opinións sobre os árabes ou as mulleres, por exemplo. Ao cabo, dei en comprender o por que da súa insistencia contra eses colectivos: odia a súa nai, quen, a maiores de ser —obviamente—muller, é alxerina. A falta de rivais literarios, polemiza coa nai.







