"O Vía Stellae pode mirarse no espello dos grandes festivais"

Datos de interés

  • Sábado 30.08.2008

Entrevista con Víctor Carou, director do Festival

"O Vía Stellae pode mirarse no espello dos grandes festivais"


Etiquetas: país, arte, música

Antonio Soto. AGN.

Música con maiúsculas, variedade, proximidade ao público ou a ruta xacobea como pano de fondo son algúns dos ingredientes fundamentais do 'Via Stellae', o Festival de Música de Compostela e os seus Camiños que pode percorrerse dende este venres.

Serán 85 concertos -o 90% de balde- en 35 vilas e cidades galegas. Fronte ao importante éxito acadado nas dúas primeiras edicións, ao seu director, Víctor Carou, gústalle pensar que "aínda non temos o festival perfecto" e que se o conseguido en tres anos é "grandísimo", sempre se pode mellorar. Con ese ánimo afronta esta nova proposta.

PREGUNTA: Qué expectativas está xerando a III edición do 'Via Stellae'?

RESPOSTA: O segundo ano foi xa unha edición de grandísimo éxito e de moi boa resposta do público. Agora, o que estamos notando é que a xente xa está agardando ao festival e que está mercando os seus abonos con máis antelación. Tamén está preguntando como se recollen e como se consiguen as entradas deses concertos gratuitos que tamén temos.

P: Chegáronse a facer cálculos da xente que participou o ano pasado?

R: Non teño os datos diante, pero a asistencia a todos os espectáculos rondou as vinte mil persoas.

O claustro das igrexas, escenario principal
P: Non debe ser fácil para festivais deste tipo alcanzar esa cifra.

R: Desde logo, non resulta doado acadar eses niveis de asistencia, tendo en conta ademais que moitos concertos son de pequeno formato e que se celebran en pequenos claustros e igrexas de non moita capacidade.

P: Na primeira edición, a prensa especializada dicía que o 'Via Stelae' tiña a categoría dos mellores encontros desde tipo en España. Na segunda falouse xa dunha proxección internacional. Con que festivais se está a competir en España?

R: Non me gusta falar de competencia. Cada festival ten a súa localización, o seu espazo no que desenvolverse, pero, desde logo, os grandes festivais, ata que nós chegamos eran Granada, Santander e San Sebastián. Se nos comparan desde fóra no espello que nos poden mirar é no deles.

Cando empezaron a xurdir comparacións internacionais tampoco me gustaron, porque creo que non nos parecemos a ningún dos festivais que citei, nin sequera aos internacionais. Penso que temos un encontro cunha personalidade propia. A xente di que podemos situarnos ao nivel dos de Saint Provence, Edimburgo, etcétera. Pero eu non quero que nos comparen, senón que o de Santiago sexa un dos máis importantes de Europa por si mesmo.Que a xente compare os outros co noso.

Buscando estabilidade
P: Custa encher ou a xente queda fóra por falta de espazo?

R: Falando de Santiago, todos os concertos nos teatros, nas igrexas e nos claustros, a asitencia é do cen por cen.

Evidentemente, temos un espazo como é o Auditorio de Galicia, no que caben máis de mil persoas, que non é doado encher cinco veces nun mes, aínda que o ano pasado o nivel de asistencia foi neste caso superior ao 80%, que é unha media fantástica, mesmo con dous concertos absolutamente cheos.

E despois, nas vilas, evidentemente, non todas funcionan igual, e depende da promoción que se fai localmente en cada unha delas. Pero estamos realmente satisfeitos e cremos que co traballo de varios anos conseguiremos asentarnos en cada lugar onde organizamos os concertos.

P: Cobrar ou non nos espectáculos pode ter repercusión na asistencia?

R: A directriz que marcamos xa na primeira edición desde a consellería e desde a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo era clara. Queríase un festival que fose moi accesible ao público.

Pensamos que mellor xeito que os concertos gratuitos non hai. Ao mesmo tempo, queremos que a xente colla un interese por ir e por obter a súa localidade, por iso, moitos dos concertos requieren que antes os interesados recollan a súa invitación, que e case como mercala.

Do que se trata e que se acheguen e tomen a determinación de acudir ao concerto. Ao final o que facemos é que as localidades baleiras, cinco minutos antes do concerto, ocupámolas coa xente que está esperando fóra. Evidentemente, hai espectáculos no Auditorio de Santiago ou nos teatros que xa teñen unha mecánica de adquirir localidades e de mercalas, porque é o costume, e iso tampoco se pode rachar. Pero nos espazos abertos, digamos igrexas, cremos que é a fórmula axeita.

Afeccionados dentro e fóra do país
P: Hai moitos incondicionais que viaxan para ver o que lles gusta, incluso de fóra de Galicia?

R: Sen dúbida. De feito, os concertos de Santiago teñen abonados de toda Galicia. Chama a atención, por exemplo, que o ano pasado, xente que non sabía a onde ir na fin de semana, comentara que decidiu vir aquí para ver os concertos e estar en Compostela. E hai xente que está facendo turismo e que mira onde hai concertos para facelos coincidir coas visitas.

P: Cre que con outros tres anos máis o festival pode ser xa unha referencia internacional?

R: Agardo que si, porque a sensación que tiña ao rematar o ano anterior era como se tivesemos un festival que xa levara seis ou sete anos funcionando. A sensación de proximidade coa xente, de naturalidade á hora de asistir aos concertos ou a facilidade coa que se enchían dábame esa sensación. Se somos capaces de manter a calidade e mesmo de superala, o razoable é que isto siga unha evolución exponencial.

Un oco para a música galega
P: Cales son as principais novidades deste ano?

R: Para min, moitas das grandes novidades son as consolidacións dos proxectos que empezamos a desenvolver o ano pasado, como os concertos express ou as sesións nos mosteiros de música e arte, que foron un éxito clamoroso. Iso, para min xa é unha novidade.

Pero a miña intención, polo menos nos primeiros anos, e ir achegando unha novidade dentro da programación, e este ano achegamos o 'Via Stellae 20-21' no que, xa cunha programación máis clásica, queremos achegar o que son un pouco as vangardas, a música contemporánea, a creación dos compositores galegos actuais. O 'Via Setellae 20-21' vai cubrir este aspecto.

P: Pero as novidades, novidades...?

R: Dentro da programación deste ano temos dous grandes eventos, un é a presencia de Marc Minkowski facendo dous concertos, un deles coa misa en si menor en Bonaval, que se vai gravar en Santiago por unha das casas discográficas máis consolidadas de Europa, que é a francesa Naif, que editará un libro-disco coas imaxes da gravación da nosa cidade.

É un proxecto desa casa discográfica para este festival. Iso vai darnos unha proxección internacional realmente increíble. Ademais, é o primeiro disco dedicado a Bach que grava Marc Minkowski.

Logo está o concerto de clausura que Janine Jansen e a Malher Chamber Orchestra, unha das mellores de Europa, e que van a gravar o concerto para violín de Tchaikovski en Santiago no marco do festival. Trátase de dous proxectos de coordinación internacional de artistas, de discográficas e de festival. Esto ponnos a un nivel de producción realmente internacional.

P: A que haberá que estar especialmente atentos?

R: Como director non me gusta resaltar ningún concerto, penso que todos son importantes. Pero o concerto inaugural en San Martiño Pinario, con Jhon Eliot Gardiner, os dous proxectos de Minkowski, o concerto de clausura, as tres óperas, dúas en versión de concerto e unha esceneficada que imos facer no Teatro Principal, son acontecementos que ningúen debería perderse.

04/07/2008

0'0 (0 votos)

valorar_registrado


Acceder Crear usuario

valorar_propios



valorar_valorado



¿Comentas?

comentarios_interesa guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

co_explica





captcha

Cambiar por outro


co_pouco_html
co_etiquetas_html

Opcións

Redes

Fotos

Víctor Carou, director do Vía Stellae. (Otto. AGN)
Víctor Carou, director do Vía Stellae. (Otto. AGN)

Buscar + información sobre





Publi


Galiciae
Rúa Salvadas, 27, Santiago · Tlfno: 981 55 25 30
Grupo El Progreso