Adeus a un símbolo do galeguismo. O perfil

Xelado con bólas de tres cores


Etiquetas: perfil, Díaz Pardo, Galicia, intelectual, muerte, luto

06/01/2012 - Jaureguizar / El Progreso

GALICIA COMO ESFERA. A Isaac Díaz Pardo sabíanlle as bólas de xelado de cores. Aínda inconscentemente, respondían ao xeito co que el fantasiaba con Galicia: unha forma perfecta como a esfera, alegre e de vangarda, partindo das súas posibilidades, tradición e materiais. Ese ánimo levou en andas a este empresario, artista e promotor cultural.

A vida de isaac Díaz Pardo rodou tamén sobre un círculo, que tivo o seu principio en 1920 en Santiago, e se completou na mañanciña de onte no hospital coruñés de San Rafael, aos 91 anos.

Díaz Pardo retratouse dende o primeiro papel no que se bocexou o complexo de produción de cerámica que instalou en Sargadelos, no municipio de Cervo. A ubicación respondeu máis ao simbolismo ca ao pragmatismo. Sacrificou a tentación de construíla nunha urbe poboada e ben comunicada que lle encarreirase cara ao éxito empresarial para asentar o seu proxecto maior a unha longa carreira de can do seu inspirador, Antonio Raimundo Ibáñez.

Nese ámbito o industrial asturiano asentado en Ribadeo puxera en pé a Galicia para, aproveitando a materia prima local, erguerse ata a altura das cerámicas comerciais inglesas. A xeira de Ibáñez comezou da nada, a de Díaz Pardo de pouco máis ca do exemplo histórico que usou como modelo a reconstruír.

A planta de Sargadelos ten unha forma de círculo, tanto para ofrecer unha agarimosa acollida aos visitantes como para ordenar fisicamente, un tras outro, os pasos consecutivos da produción, dende as primeiras formas que tomaban prestadas as pezas nos moldes, ao paso polo forno e o pintado. O remate do proceso requería do uso de martelo, algo inesperado cando se manexa un elemento fráxil coma louza ou a porcelana.

Os pratos e as figuras non obtiñan a aprobación dos seus responsables ata que pasaba a proba do martelo: un operario observaba coidadosamente cada peza na procura dunha picadura ou dunha mancha que se botara un milímetro do trazo debuxado. De atopalo, zoupáballe un martelazo para escachar aquel erro que nunca sairía do círculo de perfección.

Esa fábrica de deseños e cerámicas foi un soño que alentou no exilio arxentino xunto con Luis Seoane e o concurso posterior de Fernández Albalat. Bautizaron a ilusión como Laboratorio de Formas, e o moldearon coma un emporio que aunase a historia de Galicia coa súa cultura, a súa economía e a súa sociedade, para proxectalas ao futuro. Díaz Pardo explicaba a necesidade de pechar o ciclo dos produtos galegos partindo dos materiais que existían no país e das formas propias da tradición, sen que se externalizase ningunha fase da elaboración, coa forma esférica e alegre das bólas do xelado.

Isaac aprendeu esa ollada centrada sempre en Galicia dende que era cativo asistindo ás tertulias que reunían no obradoiro do seu pai, Camilo Díaz Baliño, onde se reunían os ‘all stars’ da cultura do tempo: Castelao, Risco, Otero Pedrayo, Cabanillas, Vilar Ponte, Blanco Amor e Ánxel Casal.

Uns anos antes, nacera na Casa da Tumbona, na rúa das Hortas de Santiago. Sobre o nome da vivenda, adoitaba bromear -con esa socarronería que compartía de cando en vez co seu amigo Antonio Gala- con que «en tempos fora unha casa de putas e hai que ver no que se acabou convertendo».

O activismo nacionalista reportoulle ao pai un balazo mortal de necesidade ao principio da Guerra Civil e a procura dun agochadoiro ao rapaz. Atopouno na Coruña, onde, cando saíu do tobo, empezou a traballar de rotulista. Na rúa aprendeu un oficio que lle valeu para ser becado pola Deputación da Coruña cunha bolsa para a Academia de San Fernando. Dese centro de alto rendimento pasou a dar clases na academia barcelonesa de San Jorge, onde se iniciou no deseño industrial.

Neses anos estivo amosando un maxiterio pictórico ao que renunciou en 1948 porque as teas dos seus óleos eran demasiado abstractas para a Galicia que el argallara na cabeza. Daquela creou unha maqueta do que sería o seu proxecto coa creación de Cerámicas do Castro no Castro de Samoedo, en Sada.

Emigra a Arxentina en 1955 na procura de paisaxes vitais e culturais máis amplas cas estreitas leiras vixiladas polo franquismo. O contacto cos galeguistas que atopou alí foi o humus para realizar o seu deseño mestre. Das conversas de alén o Atlántico, xurde a planta de Sargadelos, a maiores da editorial Edicións do Castro, en 1963; o museo Carlos Maside e o novo Seminario de Estudos Galegos, en 1970, o Instituto Galego de Información, que procurou información xerada e elaborada na comunidade, e o Real Patronato de Sargadelos, que trataba de protexer a xoia familiar: os restos das naves nas que Ibáñez marcou as pautas para a ambición de Isaac.

Despois de trazar á súa visión de Galicia a través do Laboratorio de Formas, dedicouse a tratar de coñecela, comprendela e organizala no Instituto Galego da Información. Contan que o utilizaba como inmensa hemeroteca na que se contaba todo canto acontecera e acontecía no país a base de recurtes de prensa. A súa teima era ordenar todo aquel material, como se fose un disco duro enviado ao universo para que unha civilización extrasolar puidese facerse unha idea sobre o que é Galicia. Díaz Pardo desexaría que alén da Vía Láctea e alén do tempo humano houbese quen se puidese facer unha idea do que son o pobo e a cultura causantes de que a luz do seu apartamento non se apagase ata as tres da madrugada para volverse acende ás sete.

Para termar de todas esas horas de esforzo físico e creativo poida que pasase cunha sopa e un café clariño. Pouco lle interesaba comer e a penas se consentía unha charla tras o xantar. Atendía máis ao benestar dos outros, tanto individual como colectivamente, aos que brindaba todo canto posuía ou era quen de influír. Unicamente reservaba para si unha cousa, a porción máis grande e adozada das sobremesas.

4'4 (7 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



¿Comentas?

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>


Fotos

Caricatura de Díaz Pardo. SANTY GUTIÉRREZ
Caricatura de Díaz Pardo. SANTY GUTIÉRREZ