Un camión de alcatrán cae ao río Catasol en Melide
28/07/2008 - AGN
Un camión da empresa Manfor S.L., cargado de alcatrán caeu este luns ao río Catasol, en Melide, verquendo parte da súa carga á canle fluvial.
O sinistro ocorreu ao redor das 11,00 horas. Desde o concello da localidade coruñesa alertouse ao 112, e Protección Civil desprazouse ao lugar do accidente para comprobar o alcance dos danos.
O vehículo envorcara lateralmente sobre o río e verqueu boa parte das 6 toneladas de alcatrán líquido que portaba. A escasa corrente e a maleza, que actuou como barreira, impediron que a mancha negra alcanzase o río Furelo, do que o Catasol é afluente.
Porén, a vertedura afectou á fauna do río. Aos poucos minutos do envorco, xa flotaban na auga as primeiras troitas mortas.
O propietario corre cos gastos
O propietario da empresa do camión fíxose cargo para realizar a limpeza do río. O vehículo foi retirado do lugar coa axuda dun guindastre de gran tonelaxe poucas horas despois do sinistro e persoal do concello de Melide e da empresa propietaria do camión está a realizar labores de limpeza na zona.
No sinistro non se rexistraron feridos, aínda que o 112 mobilizou aos bombeiros de Arzúa, a Garda Civil e deu aviso a Augas de Galicia. Segundo fontes de Medio Ambiente, o persoal técnico realizou unha inspección visual que, en principio, apunta a que a contaminación derivada do sinistro é reducida. No entanto, están a realizarse as análises pertinentes para determinar a afección real sobre a canle e nas marxes do río.
Non podes valorar os teus propios comentarios.
Só podes valorar o comentario unha vez.
Interésanos a túa opinión, pero 'con sentidiño'. Nada de insultos nin descalificacións.
Borraranse todos os comentarios que, con criterio subxetivo como en toda web, se consideren inadecuados.
E lembra, non lles deas de comer aos trolls...
Para calquera dúbida, consulta a guía de comentarios.





