ENTREVISTA
Marcos Bermúdez: ''Voy al Panda Raid para agradecerles a los marroquís la ayuda que me prestaron''
19/01/2012 - Ana Conde / LV
Galicia estará no Panda Raid grazas a este home, que por uns días cambiará a botica polo deserto.
Pregunta: ¿En que consiste o Panda Raid?
Resposta: É unha expedición que percorre 4.000 quilómetros sobre territorio marroquí para levar material escolar a colexios. É do 2 ao 10 de marzo e saímos do Santiago Bernabéu.
P: ¿Cales son os requisitos para participar?
R: Cada equipo debe dispor dun Seat Panda ou un Seat Marbella, como no noso caso, e levar no coche como mínimo 20 quilos de material escolar.
P: ¿Como se lle ocorreu apuntarse?
R: Isto naceu doutras viaxes que fixen a Marrocos, nas que me xurdiron imprevistos e sempre tiven a axuda da xente local. Déronme moito sen pedir nada a cambio. Por iso, cando me enterei desta iniciativa solidaria dixen: ''A isto téñome que apuntar eu porque lle debo moito a esta xente''.
P: ¿Participara xa antes nalgunha iniciativa solidaria?
R: Esta é a primeira vez. Pero as veces que fun a Marrocos sempre volvín sen maleta porque o acabei doando todo. A xente meteunos nas súas casas, deunos de comer, buscounos recambios tras picar ou quedar enterrados na area... Por iso o Panda Raid é o xeito de poderllo agradecer.
''Confiamos ao 100% no coche, que fará os 4.000 km cargado con 350 quilos''
P: ¿De onde saíu o coche?
R: Comprámolo por internet. Veu de Murcia, é do ano 98 e custounos 700 euros.
P: Supoño que terán que preparalo para o deserto...
R: Si, adaptámolo ao terreo polo que imos ir, de deserto e montaña. Levantámolo, cambiámoslle as rodas e puxémoslle unha baca para o material. Tamén lle cambiamos o radiador pola calor, así como os asentos para o noso confort.
P: ¿Quen o acompañará nesta aventura?
R: Un amigo de Burgos que se chama Andrés Cavia. Animeino e apuntouse á primeira.
P: ¿Que presuposto teñen?
R: Precisamos 5.000 euros. 2.000 xa custa a inscrición, ao que hai que sumar o coche, a viaxe, seguros...
P: ¿E como vai a busca de patrocinadores?
R: Xa temos varias doazóns de empresas, pero aínda nos queda diñeiro por conseguir. Agora decidimos pór unha foto dos particulares que participen na parte traseira do coche e a iniciativa está tendo moito éxito.
P: ¿Aínda se está a tempo de colaborar?
R: ¡Claro! Os interesados poden entrar en www.pandereteiros. blogspot.com ou deixar material no Bar de Mon, en San Lázaro.
P: ¿Canto teñen por agora?
R: Xa xuntamos 30 quilos. No coche levaremos o máximo posible, e o resto enviarémolo cunha empresa de transporte.
P: ¿Confían no coche?
R: Ao 100%. E iso que irá cargado con 350 quilos, entre o material, pezas e a equipaxe.
P: ¿Gústalle o mundo do motor?
R: Si. En todo o que soe a aventura e motor, aí estou eu. Teño un Mini e participo en rallyes de coches clásicos.
No puedes valorar tus propios comentarios.
Ya has valorado este comentario
Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.










