“Para rescatar a Fernando y acabar con Buonaparte unióse Minerva a Marte”, así rezaban os versos bordados nas fitas do peito dos integrantes do Batallón Literario da Guerra da Independencia de 1808. E así nolo lembra a exposición que ata o vindeiro 21 de setembro podemos contemplar no Colexio de Fonseca de Santiago de Compostela.
A mostra comisariada polo presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, amósanos a unión inestable da sabedoría e da guerra. O 14 de xullo de 1808, hai xa dous séculos, formouse un batallón integrado por 1218 estudantes e profesores que saíron apresuradamente de Galicia para pelexar contra os invasores galos. A súa formación militar foi exigua e o número de vítimas que fica abrazado pola terra castelá en centos de tumbas anónimas resultou considerable, pero o xesto heroico daqueles rapaces permanece na memoria pola súa valentía.
As obras literarias xurdidas da epopea, os canóns franceses, unha recreación do uniforme de Soult, imaxes de Román Navarro no volume Proezas de Galicia, planos das cidades galegas, a bandeira do Batallón, ou seu himno ou os óleos dos protagonistas ofrécennos unha viaxe ao abrente do século XIX.
Na entrada da exposición saúdanos o sabre prateado e a funda dourada do marqués de Santa Cruz de Ribadulla, comandante do Batallón Literario. Alá, ao fondo, un chuzo con baioneta enferruxado dun labrego galego en armas. Isto demóstranos que o metal ennobrece os grandes nomes pero é o óxido dunha ferramenta campesiña anónima quen gaña, co seu silencio enxordecedor, a batalla da Historia. E a evidencia de que Minerva nunca fixo boas migas con Marte.
19/08/2008