Os perfís xornalísticos sobre Jesús Neira vanse sucedendo mentres o seu estado continúa -no día no que escribo esta columna- a ser grave. A súa vida está detida desde o pasado 2 de agosto polo coma que o retén nun cuarto do Hospital Universitario Puerta de Hierro, despois de que o agresor dunha muller lle propinase ao home unha tunda ao ser increpado, en público, polo profesor universitario.
“Un home exemplar”, “un heroe por accidente”, “un cabaleiro”.... son moitos e todos positivos os cualificativos que se buscan para trazar no papel o perfil de Neira, vítima colateral da violencia de xénero e parece que tamén da neglixencia médica: acudiu a catro centros sanitarios antes de ingresar en coma.
Da vítima primeira, de Violeta, ofrécennos uns trazos menos claros. En primeiro lugar, non se recoñeceu como agredida, polo que tampouco agradeceu a mediación de Neira nin denunciou os feitos que a iniciaron. Despois si deu as grazas, quizais encirrada pola presión da opinión pública. ¿Hai lugar para reprocharlle algo, como moitos están a facer?
Os únicos que teñen dereito a facelo, creo eu, son a familia do agredido e o propio Neira. Do agresor sabemos que é fillo de papá, toxicómano, vividor, un desastre… Temos fotos e currículo extenso.
Mentres a vida de Jesús Neira queda en suspenso por unha lesión cerebral e un edema pulmonar provocados pola malleira, chegan as palabras de recoñecemento público e de condena da dobre agresión por parte de xuristas, políticos e xestores. Ábrense tamén os debates nas ágoras e nas conciencias privadas de cada quen: “Eu faría”, “eu non faría”, “¿ti que farías?” Séguennos sorprendendo, por escasos, os heroes cívicos que un día se enfrontan á maldade sen virar a cabeza nin cravar os ollos na punta do zapato para seguir andando como se non pasase nada ao seu carón.
Sorprende que o pouco común sexa atopar persoas que actúen de boa fe. Haberá quen pense que Neira puido botar man do teléfono e chamar a policía sen recriminarlle publicamente ao agresor a malleira que lle estaba dando á muller, e aforrar así padecemento tanto para el como para os seus seres queridos.
Malia tanto intercambio de opinións ao respecto do asunto, intúo que a nosa solidariedade seguirá, como o estado do profesor, grave aínda que estable. Efectivamente, o exemplo do caso Neira non é unha vacina radical contra a deshumanización pero tampouco deberamos pensar, paréceme a min, que o civismo e a humanidade son, necesariamente, un ticket para ir dereitos ao cemiterio. Unha clave: a muller de Neira, quen tanto está sufrindo, séntese orgullosa do feito polo seu home. Non é a única.
20/08/2008