Mentres a Sgae trata de convencernos de que a industria cultural está en crise, que co tema da piratería non hai que viva da arte, a sociedade de xestión de dereitos de autor bate o récord de recadación. Antes de que entre o cánon en vigor, que vai supoñer un incremento notable xa que grava os dispositivos de almacenamento.
Dúas veces ao ano, xuño e decembro, reparte os dividendos que xera a actividade artística, así que tocou agora, e as cifras demostran que cumpren sobradamente coa súa misión de "protexer a creación e defender os intereses dos seus socios", cando menos os económicos. En xuño recibiron uns 135 millóns de euros pola liquidación dos dereitos, un 49% máis que no mesmo periodo de 2006.
E é que practicamente medra en todas as liñas de negocio posible. Só baixa a recadación en dous aspectos, nas televisións en espazos públicos -uns 5 millóns, 7'5% menos que en 2006- e polos dereitos procedentes do estranxeiro - 7,5 millóns de euros, 300.000 euros menos-.
No resto, o peto medra. O maior incremento provén dos dereitos derivados das televisións, que 79,5 millóns de euros. A seguinte partida procede do uso de música en locais públicos, como bares (perruquerías non, polo momento), case 20 millóns. As radios pagan 8,2 millóns de euros pola utilización de contido con dereitos, medrando un 5% en comparanza co mesmo periodo do ano anterior. De feito, RNE pagou 4 veces máis que en 2006.
E incluso o cine, ao que parece que cada vez imos menos, sube un 12% a recadación por dereitos de exhibición das obras, uns 6,5 millóns de euros. Os concertos en directo case acadan os 4 millóns de euros.
E isto cando aínda non se implantou o temido cánon dixital, bloqueado polo enfrontamento coa industria fabricante. A Sgae argumenta que a piratería se leva centos de millóns de euros dos petos (dos autores) e que é disuasoría para a creación artística. A industria mentres, denuncia a falta de xustificación dos ingresos da entidade de xestión e o seu afán recadatorio. Un afán que pode supoñer, de aprobarse a taxa, uns 1.200 millóns de euros anuais a xeito de "compensación" pola copia privada.
18/06/2007