“Os que non saben nada pasan polo noso barrio con medo. Pensan que somos perigosos. Pensan que os imos atacar con coitelos afiados. Son parvos que se perderon e chegaron aquí de casualidade. Pero nós non temos medo.
Sabemos que o rapaz do ollo chosco é o irmán de Davey the Baby, e que o alto que está ao seu carón coa viseira de palla é Eddie V., o de Rosa, e o mangallón que parece parvo é Fat Boy, aínda que xa non estea gordo nin sexa ningún neno. Aquí somos todos morenos, sentímonos seguros. Pero se somos nós os que pasamos por un barrio doutra cor trémennos as pernas e subimos o cristal do coche ata arriba e só miramos á fronte. Así son as cousas.”
Velaquí un fragmento d´A casa de Mango Street da chicana Sandra Cisneros, deitada ao galego por Alicia Meléndez Sousa e publicada por Rinoceronte Editora. É unha historia colectiva e metafórica formada por 44 contiños conectados entre si polo punto de vista da súa narradora e protagonista, Esperanza, unha nena que vive nun humilde barrio hispano de Chicago. Esperanza, nome barco de proa afouta, amósanos a turbia realidade que a rodea cun chisco de inocencia que para os lectores é labazada dolorosa. Polo que di sen dicir.
Os personaxes que conviven no seu barrio humilde son monstros e son heroes envoltos na súa lingua estraña, na súa negativa á integración e no seu desexo de se disolver na sociedade estadounidense e nunca máis ser inmigrantes. Todo xunto e arremexido, como as grandes contradiccións que nos ofrece un mundo globalizado onde ser exiliado está a converterse na única identidade posible. Para aquí es de alá. Para os de alá es de aquí. Sempre un estraño, un sen papeis, un alleado sen xeografía de seu.
26/08/2008