Fixo país. Por iso mereceu e gañou un Premio que mide precisamente iso: a aposta dunha persoa ou dunha institución por Galicia e polos galegos.
Avelino Pousa Antelo, histórico integrante do Partido Galeguista, o primeiro en distinguir entre "galegos, gallegos e galleguiños", recibiu este mércores o galardón Ramón Piñeiro 'Facer País', convocado pola Asociación Cultural Val de Láncara e que este ano acadou a súa sétima edición.
A entrega permanente ao país como galeguista, docente, cooperativista, escritor, político e animador cultural foi o argumento esgrimido polo xurado para escoller a candidatura de Pousa Antelo entre as 40 presentadas. Un dos membros do xurado, Xurxo Rodríguez Lozano, destacou a aposta de Pousa Antelo por Galicia e polos galegos, así coma a súa confianza no país.
94 anos entregados á terra
Antelo, que vén de cumprir os 94 anos de idade, destacou por enriba de todo pola súa labor como divulgador da cultura galega. Sobreviviu á censura da Guerra Civil e á inhabilitación que con ela lle chegou para exercer como mestre, e conquistou o recoñecemento público para a súa obra e o seu traballo tanto en Galicia coma en América.
O premio fallouse este 27 de xullo, coincidindo co aniversario do pasamento de Ramón Piñeiro, histórico galeguista que lle dá nome e a quen irán dedicadas as Letras Galegas do 2009. En anteriores edicións foron premiados co 'Facer País' Isaac Díaz Pardo, Luís Tosar, Milladoiro, Xosé Manuel Beiras, Xosé Neira Vilas e o diario A Nosa Terra.
27/08/2008