As vacacións son un tempo para a tranquilidade e o descanso. Ou non. Porque tamén hai quen as aproveita para viaxar ata o ollo do furacán. Para milleiros de persoas, os tornados son pesadelos en espiral dos que fuxir; pero hai quen paga por meterse nunha furgoneta blindada e pesadota, chea de aparataxe electrónica, para perseguir tornados polas Grandes Chairas adiante. As Grandes Chairas corresponden cunha boa parte do centro-oeste dos Estados Unidos e son o espazo no que se mesturan as correntes polares que descenden de Canadá e os aires quentes do Golfo de México formando o que se coñece coma o 'Corredor dos Tornados'. Centos de fanáticos de Pemán e outros homes do tempo percórrenos cada primavera na procura de treboadas brutais. Xa non é primavera, pero si un verán de crise económica que hai xa quen compara cunha tormenta perfecta. ¿Haberá tamén turismo ás catástrofes económicas? Nada teñen de fenómenos naturais, pero non lles imos negar espectacularidade nin capacidade destrutiva de moitos fogares. ¿Haberá quen faga 'tours' polas principais bolsas mundiais para mirar de perto como o caos económico nos arrastra en espiral?
29/08/2008