“Gutor, Babaron e Trapobana son tres illas que non hai, i están entre Bengala e illa Java. Gutor nunca se viu, e non se sabe quén a bautizou, pro a oitenta légoas de Canbetún hai que dar unha virada a S.E. pra pasala, i os que se rin de nós, os señores pilotos de Arábia, por faguer ista reverencia, non se decatan de que non haberá illa, pro hai o nome i o erre en que remata é rasgueado e poderá non chocar un coa illa, pro pode perderse contra o nome, que ise ninguén o nega”.
Así fala a Plática de mares arábigos que fixo Sinbad en Chipre os pilotos gregos, asegún foi recollida por Teotikes Papadopulos de Esmirna que conclúe “no mar hai que estar sempre como en visita”.
Álvaro Cunqueiro en Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961) fálanos das Cotovías, das cascas de laranxa no océano e da nostalxia de todas as ribeiras de Oriente. Cheiran as súas palabras a cuscus, canela e figos pasos. Logo de navegar amodiño polas súas palabras fica no padal un resaibo a melancolía da propia literatura que escorrega docemente polas súas páxinas. Cómpre volver a Cunqueiro para lembrar que un pode non bater contra as cousas e si bater contra os seus nomes.
E iso ninguén o nega porque os nomes falan do que vemos e do que non vemos. Logo de mil singraduras e da saudade das ondas perdidas, Sinbad ofrécenos a sabedoría da memoria e a evidencia das palabras que nomean universos. Porque as Cotovías, ben o sabía Sinbad, existen, ¡coma sete laranxas! Tanto ten que as vexas como que as nomees. ¿Ou non é dolorosa a memoria, triste a morriña, imperioso o desexo e terrible a envexa aínda que non os vexamos? Sinbad aprendeunos que con só nomealo, o mundo existirá.
02/09/2008