Seica foi unha intervención de septorrinoplastia, aconsellada polos médicos co obxectivo de mellorar os seus problemas respiratorios, orixinados por unha desviación do tabique nasal. O apéndice da princesa Letizia espertou moitos comentarios xa desde o momento en que as cámaras nos descubriron o perfil da que aínda era prometida do príncipe Felipe. Estabamos afeitos a vela só de fronte, contándonos as noticias sen desafiarnos, como agora nos desafiaba, desde as súas protuberancias faciais. O nariz e o queixelo non encaixaban nos canons monárquicos e por iso parecía que non só a súa biografía atacaba os alicerces da institución; en definitiva, nin o perfil nin a traxectoria vital estaban á altura da nova familia, por moito que se subise -e siga subíndose- a uns tacóns imposibles.
Algúns comentaristas anunciaron, tanto antes como despois da voda, unha operación estética que, aínda que cualificada de “inminente”, se adiou e que agora se nos confirma oficial e fotográficamente. Podemos ou non facerlle caso aos motivos médicos esgrimidos pola Casa Real ou deixarnos levar polo noso propio olfacto. Alá cada quen. Persoalmente gústame máis o antes có despois. De ter que escoller, quedaríame co rostro non operado, co perfil afiado, desafiante pero con personalidade, fronte ao pulido actual, máis de serie.
Pero o resultado final non é o relevante, polo menos para os que nin soamos nin tocamos tal nariz. O que importa é o momento no que se produce a operación. Pode ser que a princesa perdese o olfacto que distingue que é o conveniente do que non convén facer xa desde o primeiro día no que tivo a idea da operación, só así -pola falla de olfato- poderiámonos explicar como foi quen de meterse no quirófano en plena crise económica. A estrea pública do nariz visitando os feridos no accidente aéreo de Baraxas foi unha desafortunada coincidencia que se uniu ao xa desafortunado contexto da crise.
Ao igual que acontece cos modelos de roupa que estrea Letizia, cuxo éxito leva ás firmas téxtiles a reproducir as mesmas costuras unha e outra vez, pouco me estrañaría que as clínicas de estética collesen cicel e martelo para fotocopiar o novo nariz nas caras das seguidoras da princesa. Xa se sabe que, mesmo en época de crise, o accesorio e o importante son categorías moi subxectivas, que vivir é decidir e que é habitual trabucarse e caer de fociños, ou de nariz, mesmo sendo princesa.
03/09/2008